A compositora Elsa Muñiz surca a Ría cun piano de cola para por en valor o Camiño

Navegando o Camiño, co financiado pola Xunta de Galicia, dentro do programa O Teu Xacobeo, fusiona a música da compositora Elsa Muñiz cun innovador proxecto audiovisual, no que a pianista boirense toca un piano de cola a bordo dunha embarcación na Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.
A embarcación de Navegando o camiño fronte á Illa de Arousa. DS
photo_camera A embarcación de Navegando o camiño fronte á Illa de Arousa. DS

A beleza dun Camiño, o do Mar de Arousa e Río Ulla; o talento feminino e emerxente, o da pianista Elsa Muñiz; e unha innovadora posta en escena son os ingredientes de Navegando o camiño, un proxecto no que a música e a creación audiovisual se fusionan para ensalzar os valores naturais, humanos e culturais deste itinerario xacobeo que conmemora a translación dos restos do Apóstolo Santiago no seu último tramo. Navegando o Camiño preséntase este venres, 25 de novembro, ás 20h, no Pazo de Goiáns, nun acto que contará coa presenza da compositora, Elsa Muñiz; Manuel Mariño Nin, fundador da Asociación de Amigos do Camiño de Barbanza e Arousa; e o concelleiro de Turismo do Concello de Boiro, Carlos Rodríguez Muñiz. 

Producido por Sonaxe Producións e co financiado pola Xunta de Galicia dentro do programa O Teu Xacobeo, en Navegando o camiño un piano de cola enriba dunha embarcación acompaña ao espectador nun percorrido por esta ruta marítimo fluvial que avanza entre vilas, praias e bateas, acompañado por una peza exclusiva da compositora boirense Elsa Muñiz, que se inspirou no Camiño de Santiago para creala. 

Co obxectivo de achegar a riqueza paisaxística e patrimonial desta vía, que, enmarcada polos portos de Ribeira e O Grove, percorre unhas corenta millas náuticas ata a antiga Iria Flavia e logo 25 quilómetros a pé ata Santiago de Compostela, desde Sonaxe contaron tamén con Cristina Cerqueiras, que ten máis de 420.000 seguidores en Instagram. Así, a influencer protagoniza xunto a Elsa Muñiz este vídeo que buscou cativar aos máis novos a través das redes sociais, cunha preestrea en Tik-Tok, Instagram e Facebook, e que estará dispoñible en YouTube desde mañá venres, tras a presentación, na canle de YouTube de Elsa Muñiz. 

Aposta polo talento feminino e emerxente 

Esta aposta polo talento feminino e emerxente é a base de Navegando o Camiño, que supón ademais a primeira viaxe en barco cun piano de cola e música a bordo pola Ruta Traslatio. Nesta itinerario, que inclúe a singradura polo Mar de Arousa e Río Ulla e finaliza o tramo a pé ata Santiago de Compostela, Elsa, acompañada polo seu piano e diferentes peregrinos, vai percorrendo as localidades de Vilagarcía, A Illa de Arousa, Catoira, Valga, Pontecesures, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Dodro, Padrón, Rois, Teo, Ames e Santiago, onde remata este singular periplo audiovisual cun piano de cola na praza do Obradoiro. Navegando o Camiño contou tamén coas colaboración dos concellos de Boiro, Ribeira e Santiago. 

Sobre Elsa Muñiz

A pianista e compositora Elsa Muñiz publicou o seu primeiro disco, Memories, no ano 2018, co que superou os dous millóns de escoitas en Spotify. Tras este, veu un libro, que baixo o título “Memories: sete pezas para piano”, mestura literatura, ilustración e música. Con esta obra, Muñiz inaugurou un novo concepto dentro da música clásica, “o pianotelling”, que fai referencia á música instrumental combinada con microrrelatos autobiográficos, nos que se inspiran as pezas, e acompañados de ilustracións. Muñiz é tamén autora de Angrois, unha peza que compuxo a noite do accidente ferroviario e que interpretou nunha sentida homenaxe ás vítimas no ano 2020.