Entrevista

Gabrielle Frein: "A lembranza do Prestige nos di que temos a forza para frear o cambio climático" "

Foi unha das voluntarias da marea branca que combateu o Prestige. Hoxe percorre a Illa coa súa bicicleta. Mestura a súa faceta de educadora social coa Concellería de Medio Ambiente desde a que prepara unha homenaxe ás xentes que saíron ao mar a deter a marea negra coas súas mans. "Queremos lembrar a forza do pobo fronte ao Prestige e amosarllo á xente", di.
Gabrielle Frein, educadora ambiental y concelleira de Medio Ambiente de A Illa de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Gabrielle Frein, educadora ambiental y concelleira de Medio Ambiente de A Illa de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Hai vinte anos Gabrielle Frein bateu coa Costa da Morte. Estando na súa casa de Elsfleth, en Alemania, viu as imaxes da marea negra cubrindo a area das Cíes e Muxía, as galletas de chapapote nas praias de Carnota ou Malpica, ou as das gaivotas e os cormoráns cubertos de fuel. E non o dubidou. Chamou a unha amiga que vivía en Oviedo e colleu o primeiro tren para viaxar a Galicia. 
"A primeira vez que vin a Costa da Morte quedei impresionada da beleza de Galicia, da natureza, destes montes e destas costas", conta. "Volvín cada ano, aquí coñecín amigas para toda a vida e co tempo atopei o amor e decidín quedar", confesa. 
Vinte anos máis tarde daquela aventura con vocación solidaria e ecolóxica é unha veciña máis da Illa de Arousa que compaxina a súa profesión como educadora ambiental coa Concellería de Medio Ambiente.

Que lembranzas ten daqueles días de novembro de 2002?
Realmente a miña historia comeza algo máis ao Norte da Illa. Cando vin o que acontecera co Prestige, decidín vir aquí para axudar. Recollín á miña amiga en Oviedo e inscribímonos como voluntarias en Malpica. Leváronnos á praia. Lembro que todo foi moi, moi triste. Eu non me enterei de moitas cousas porque non falaba nin galego nin castelán, pero vivimos  momentos de moita tensión, Faltaban medios para combater aquelo e ao final pecharon o pavillón e botaron aos voluntarios fóra do pobo. Nós non entendiamos o que estaba pasando. Pero, sobre todo, lembro unha inmensa tristeza, a do pobo, dos mariñeiros e a dos voluntarios.

Que fixeron despois?
Daquela seguimos pola costa a ver se atopabamos outra estrutura de voluntariado, porque tiñamos pensado quedarnos uns días, pero non atopamos. Estivemos en Muxía e quedoume gravada a imaxe daquel lugar que estaba todo cheo de chapapote, pero non había máis estrutura de voluntariado e tivemos que marchar. Volvín a Hamburgo. A primavera seguinte regresei, quería velo sen chapapote, e desde entón volvín todos os anos. 
Daquela era activista e xa a movían as causas relacionadas co medio ambiente, non?
Eu era activista dos dereitos humanos sobre todo. Para min e para moitas persoas esta data ten unha especial importancia porque a catástrofe do Prestige creounos unha sensibilidade especial co medio ambiente.

Lembro a tristura. Vivimos momentos de moita tensión, faltaban medios e ao final botáronnos de Malpica


En que momento decide establecerse na Illa de Arousa?
Anos despois. Eu viña cada ano. Da Illa destacaría ás súas xentes. Aquí me sinto moi acollida e atopei aquí o meu amor. E tamén destacaría a natureza que ten, hai que destacala e protexela. Eu sempre viña en primavera ou outono e a primeira vez que viñen no verán asusteime co turismo.

Hoxe é concelleira. Que a levou a decantarse pola política?
Como quedei a vivir aquí decidín involucrarme na vida da Illa de Arousa dalgunha maneira, por iso decidín entrar na política. Déronme a responsabilidade no departamento de Medio Ambiente, que me parece unha honra, porque é un tesouro esta illa. É o máis valioso desta illa. E nós traballamos para coidalo, estou moi agradecida e encantada de traballar aquí.

Gabrielle Frein, educadora ambiental y concelleira de Medio Ambiente en A Illa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Gabrielle Frein, educadora ambiental y concelleira de Medio Ambiente en A Illa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA


Cre que aprendemos algo daquela traxedia?
Non quero ser catastrófica, pero temos diante de nós o cambio climático que aínda é máis que unha marea negra. Eu confío en que podemos facer algo para frealo. A lembranza do que aconteceu hai vinte anos nos di que temos a forza para frealo e nos di o nivel de organización que podemos desenvolver ante unha ameaza coma esta. Paréceme importante lembralo porque nos vai facer falta.

Como concelleira de Medio Ambiente, que retos ten por diante?
Como concelleira, por unha parte está a transición enerxética. Temos que preparar á Illa de Arousa para os retos que nos pon o cambio climático, pero tamén mitigar os efectos cos nosos esforzos e coa Axenda 2030, Outro reto é seguir nese espírito de mellorar a sostibilidade. No Concello estamos traballando para mellorar o noso sistema de residuos para reducir a contaminación e facer posible que toda a veciñanza o faga o mellor posible. É realmente agora o máis importante, aínda que hai moita temática ambiental que hai que tratar desde as casas. Por outra parte, está a conservación dos espazos protexidos, como  O Carreirón e  Areoso. Estamos moi implicados na súa conservación. Todo isto é valioso a parte de bonito, É o que nos mantén, esa maneira de vivir o mar. A Illa de Arousa é moi rica e ten que seguir séndoo sempre.  

Preparan unha homenaxe para as persoas que saíron a frear a marea negra coas súas mans. 
Será o 19 de novembro. Expoñemos as imaxes que o fotógrafo Víctor Mejuto nos doou logo do desastre. Parécenos unha boa data para achegala á veciñanza. E tamén queremos convidar á xente da Arousa a conmemorar os acontecementos de hai vinte anos. Proxectaremos o documental de Marcos Nine‘Carcamáns’, con imaxes daqueles días. Está todo o mundo convidado a reflexionar sobre todo aquelo con vinte anos de distancia. Queremos lembrar o que pasou, esa forza do pobo fronte ao perigo total que foi o Prestige, e achegarllo á xente nova para que o vexan.