"Atoparémonos na diferenza, a loita continúa"

Crea letras que zumegan sororidade desde a súa casiña na Illa de Arousa, e pon o foco nas galegas que fan música. O día 25 de marzo Uxía (Mos, 1962) actuará en Pontevedra para cantar os poemas de Lorca e Rosalía con Javier Ruibal
A cantautora e productora musical Uxía. KIM MANRESA
photo_camera A cantautora e productora musical Uxía. KIM MANRESA

CELEBROU o 8-M co avance do novo clip O ramilliño violeta, das Malvela, incluído no disco Benquerer. Unha canción que «respira sororidade e feminismo».  Que quería contar? 

Son mulleres que sempre me inspiraron moito. Desde que traballei con elas e son produtora dos seus discos tiña a necesidade de contar como son e como viven o feminismo e o xeito de ser mulleres. Como elas, aínda tendo traballos domésticos, foron quen de ir empoderándose, a maioría a través de Malvela. É o que conta a canción, fala da vontade de estar xuntas para estar mellor. É unha canción que fala de sororidade e tamén de saber dicir que non, de ser libres para rebelarse contra o establecido.  


E elas? Como a acolleron?

Con esa rebeldía innata. Invitamos ao grupo da asociación de veciños A Nosa Terra, de Pereiras, e participaron rapaces e rapazas bailando. O vídeo está dirixido pola miña irmá Fefi, que ten moita sensibilidade, e a miña irmá Chus fixo esta melodía preciosa. É moi bonito traballar xuntas e estaban felices de facer un novo clip para un novo traballo que este verán iniciará xira por Galicia. Chámase O Benquerer e é unha resposta ao Malquerer de Rosalía. Tiramos do positivo o que é querer ben e aprender a querer ben. No disco hai colaboracións de Portugal, que seguen sendo unha constante na miña vida, moitas novidades, unha acordeonaista que se incorporou... Están moi ilusionadas.

Como viviu o 8-M? 

Despois da eclosión do feminismo unido de hai cinco anos agora estamos máis divididas, así que máis triste, pero eu penso que nos atoparemos na diferenza, porque a  loita continúa. O feminismo recibe ataques furibundos, pero non debemos caer no desalento senón reflexionar e seguir adiante e resistir os embates daqueles aos que non lles interesa que o feminismo sexa un movemento unido. Depende de nós usar a intelixencia e seguir unidas dentro da diversidade. O feminismo está vivo. Hai un movemento importante en cada cidade e así seguirá sendo. Interésame moito tamén o feminismo entendido dende o pequeno, do cotiá e da música. Nós tamén temos cousas que dicir desde o rural, desde os lugares pequenos que parece que ás veces esquecemos. E paréceme importantísimo o traballo diario de educación.


No eido da música, desde que Uxía pisou os escenarios por vez primeira, que pasos se deron a prol da igualdade? 

Está mellor, pero hai moito camiño por andar. Creo que é importante visibilizar o traballo de tantas mulleres no eido da música. Ademais, no caso da música galega as propostas máis transgresoras e con máis visibilidade son de mulleres. Pero aínda queda moito por andar. Dende que eu comencei ata o de agora, grazas ao traballo das que nos precederon  avanzouse, creo que é importante destacalo. Agora Leilía acaba de anunciar a súa despedida, e son gran referente para a música de raíz e para a nosa terra e hai que agradecerlles o seu traballo. Foron unhas pioneiras. Todo o que sucede agora é grazas ao traballo das mulleres que nos precederon e da súa loita.  

Todo o que sucede agora é grazas ao traballo das mulleres que nos precederon e da súa loita"



O compromiso coas mulleres creadoras está moi presente na súa traxectoria.

Desde sempre fixen proxectos que visibilizasen o traballo das mulleres; Son delas, na que participaron moitas mulleres; Enredadas con Carmen París, Ugía Pedreira, Martirio... Interésame moito que nos xuntemos. Sempre tentei buscar propostas diferentes feitas por mulleres. Temos unha relación de amizade moi bonita as que fixemos ese proxecto, o noso apoio mutuo, hoxe podo consideralas como irmás .

Dentro de dúas semanas estará en Pontevedra nun concerto nas Matinés no Principal. 

Si, o 25 de marzo estarei presentando o disco con Javier Ruibal. Estamos felices por retomalo. Tivemos que facer un pequeno parón por temas de saúde, pero voltamos aos escenarios. Este concerto fainos especial ilusión porque en Pontevedra aínda non estivemos. Este disco une a poesía de Lorca e Rosalía, un andaluz e unha galega. É unha especia de retrato dos poetas partindo dos seus versos e da profunda admiración que Lorca sentía por Rosalía. Este traballo conta esta historia de complicidade que tamén é a nosa, a de Javier e a miña. É seguir a estela que iniciou Lorca, que dicía que se sentía poeta galego e reinvindicar outra vez á nosa Rosalía máis universal, rebelde. por iso a admiraba tanto. Tiñan moitas cousas en común, como a defensa dos máis fráxiles. Son poetas que seguen vixentes. 

Desde sempre fixen proxectos que visibilizasen o traballo e talento das mulleres


E haberá máis Enredadas..

Si. Seguimos presentando Enredadas e estaremos en Lleida no festival de Músicas dispersas, o día 23. Quería retomar nalgún momento algún proxecto que teña que ver coa lusofonía, que sempre é como unha teima. Tamén teño un proxecto de alalás con Xermán Díaz para levar a música ata o Camiño e que queremos facer actuacións en igrexas etc. Está en marcha a segunda parte de Acorda, que se chamará Acordamos, coa Deputación de Pontevedra. Tamén se presentará en breve e nela contaremos distintos relatos de resistencia. 

E segue compoñendo desde o seu recantiño na Illa de Arousa. 

Estou inmersa nese proceso que é dos máis bonitos, que é compoñer e revisar todo o que teño. Imos gravar con Retimbrar un tema porque no seu disco xa canto un tema con eles, Maçazinha, que é finalista aos Premios Aritmar.