Alumnado da ESO do IES A Illa desfrutará do pase técnico da obra 'Hamelín'

Ao remate do ensaio participarán nun debate sobre os temas que aborda a adaptación do texto de Juan Mayorga
Obra 'Hamelín' de Redrum Teatro. CEDIDA
photo_camera Representación de la obra 'Hamelín'. CEDIDA

Ao redor un centenar de escolares de terceiro e cuarto da ESO do IES A Illa asistirán este venres día 10 a un pase técnico da obra Hamelin, de Redrum Teatro, ao que foron convidados pola compañía despois da súa residencia técnica dos últimos meses no Auditorio da Illa.

O alumnado terá o privilexio de asistir á estrea desta nova obra coa que Redrum Teatro percorrerá Galicia nunha xira que os achegará de novo ao Auditorio da Illa o vindeiro 1 de abril, cun pase xa aberto a todo o público a partir das 20.00 horas.

Ao remate do ensaio os integrantes de Redrum Teatro favorecerán un diálogo co alumnado sobre os diferentes temas que aborda a obra e que eles centralizan na linguaxe “como se forma e como enferma”.

A obra, unha versión áspera do conto, “é máis verosímil e parécese máis ao mundo no que vivimos”, adiantan desde a web de Redrum Teatro e tamén avanzan os temas que focalizarán o debate cos escolares que acudirán ao ensaio aberto. “No noso mundo, os nenos son os primeiros que pagan. Pagan os vicios dos maiores, as mentiras dos maiores. Neste sentido, o Hamelin que non sabe protexer aos seus nenos é como moitas cidades do noso mundo”.

O texto de Juan Mayorga, segundo que a compañía teatral adapta ao galego, aborda o tema da pederastia cunha linguaxe e escenas cheas de elipses, onde as cousas quedan aludidas, onde o espectador debe poñer da súa parte para interpretar, para imaxinar, para encher os silencios. “Juan Mayorga aborda o tema dunha maneira moi sutil, os silencios dos personaxes encerran grandes verdades, evita unha linguaxe soez e opta por un espectador activo que imaxine máis aló do que se mostra en escena”, engaden.

Álex Sampayo encárgase da dirección e da adaptación deste Hamelin, que contará cun elenco conformado por sete intérpretes: Machi Salgado, Belén Constenla, Guillermo Carbajo, Mónica García, Roberto Leal, Rubén Porto e Fran Lareu.  Laura Míguez é a axudante de dirección mentras que o deseño de iluminación corre a cargo de Carlos Álvarez-Osorio e o espazo sonoro de Fernando Epelde.