Destrozan o caucho do parque infantil da Praza do Regueiro nun acto de vandalismo

O edil de Servizos, Luis Arosa, fai un chamamento á cidadanía para que exerza unha vixianza colectiva que evite o vandalismo e o acceso a unha zona en obras
VANDALISMO NO PARQUE INFANTIL DO REGUEIRO. CEDIDA
photo_camera VANDALISMO NO PARQUE INFANTIL DO REGUEIRO. CEDIDA

Trozos de caucho levantados e cortados, buratos neste material, pegadas de pisadas feitas antes de que secara e danos na pintura do chan do parque infantil incluído na reforma da Praza do Regueiro, ainda sen inaugurar, é o resultado dos actos vandálicos dos que foi obxecto este ámbito nos últimos días.

O concelleiro de Servizos, Luis Arosa, confirma que os danos producíronse en varios días sucesivos e fai un chamamento á cidadanía para que se manteña vixiante co fin de protexer o patrimonio público de comportamentos incívicos.

Os danos foron reparados xa pola Concellería de Servizos, colocando caucho novo e sustituindo os espazos decorados con pintura amarela especial por un mosaico de cores. “Había un problema cos prazos de entrega de determinados suministros, que ademáis son difíciles de conseguir, e fixemos unha pequena modificación do deseño. É triste ter que gastar en repoñer elementos que ainda non foron utilizados porque algúns individuos illados non son quen de respetar o que é de todos”, insiste Luis Arosa.

Contratación dun vixiante

Como medida preventiva, e para evitar danos maiores nunha praza que afronta a fase final da súa remodelación, o Concello de A Illa contratará un gardaxurado durante as celebracións do Entroido que vixiará o entorno durante as 24 horas.

Para Luis Arosa, a maiores dos danos no patrimonio público, existe un risco preocupante no acceso a unha obra valada. “A pesar de que todo o perímetro está pechado está claro que hai quen entra con impunidade sen pensar o perigo que corre accedendo sen protección a unha zona en obras”. Apunta que hai unha responsabilidade civil en caso de rexistrarse un accidente neste ámbito e “é mellor previr que lamentar”.

“Resulta moi triste para nós ter que tomar medidas deste tipo, pero consideramos que é necesario facelo. Queremos convidar a toda a cidadanía a exercer unha vixiancia colectiva, imprescindible para protexer o noso”, conclúe Arosa.