A Xunta licita as obras de mellora do saneamento de Cambados por 1,7 millóns €

Bateeiro trabajando en la ría de Arousa. GONZALO GARCÍA
A actuación inclúe a mellora de saneamento no núcleo urbano, con novos colectores, a optimización do sistema na zona do Facho ou a mellora dos bombeos de Fefiñáns e da praza do Concello

A Xunta licitou hoxe as obras de mellora do saneamento municipal de Cambados, que suporán un investimento autonómico de máis de 1,7 millóns de euros. A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a contratación desta intervención, cuxo prazo para a presentación de ofertas rematará o vindeiro 11 de novembro.

Esta actuación, cun prazo de execución de 15 meses, inclúe a mellora de saneamento no núcleo urbano de Cambados, proxectando novos colectores para crear unha rede separativa en certas cuncas. Tamén se prevé a optimización do sistema na zona do Facho con dúas novas impulsións, así como cunha serie de novos colectores.

A intervención recolle, ademais, a automatización e telecontrol de bombeos principais e a mellora dos bombeos de Fefiñáns e da praza do Concello. 

Bateas en la ría de Arousa. GONZALO GARCÍA

Esta intervención é unha das catro previstas pola Xunta para rematar este ano cun novo impulso ao saneamento da ría de Arousa que mobilizará un total de 18 millóns de euros. De feito, a Xunta xa licitou a mellora do bombeo e colector de Cabanelas, en Cambados e Ribadumia, por máis de un millón a fin de empezar as obras no primeiro semestre de 2023. 

Por outra banda, o Goberno galego tamén vén de adxudicar as obras de renovación do sistema de saneamento de Vilagarcía de Arousa, que suporán un orzamento de preto de 10 millóns de euros. Este outono comezará a mellora da depuradora de Tragove para duplicar a capacidade de tratamento das augas residuais de Cambados, Ribadumia e Vilanova de Arousa, cun investimento de 5,3 millóns.

Todas estas intervencións forman parte do Plan de saneamento local da ría de Arousa, que xa está executado por riba do 80%.