A Xunta inaugura en Cambados o obradoiro 'Rutas de Senderismo' para persoas desempregadas

O municipio recupera este ano o obradoiro, cuxo formato dual estenderase nesta ocasión ata os doce meses tras aumentar a carga lectiva nun 33%
Presentación obradoiro 'Rutas de Sendeirismo'. CONCELLO DE CAMBADOS
photo_camera A presentación do obradoiro tivo lugar esta mañá na casa consistorial do municipio. CONCELLO DE CAMBADOS

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, activou na xornada de hoxe a formación laboral de vinte persoas desempregadas do municipio de Cambados coa posta en marcha do obradoiro de emprego de formato dual Cambados Rutas de Sendeirismo, que conta cun investimento autonómico de 504.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado do alcalde da Cambados, Samuel Lago, e do director do obradoiro, Enrique Ferreiro, presidíu esta mañá na casa consistorial o acto de inauguración desta iniciativa laboral, orientada á mellora da empregabilidade a través da formación específica en oficios.

“O emprego é un dos grandes eixos da acción de goberno da Xunta e por iso seguimos apostando por este modelo formativo, que outorga coñecementos e experiencia aos participantes e favorece a súa inserción laboral en sectores con moita saída en Cambados e a súa comarca”, explicou o representante autonómico, que lembrou que a Xunta “arranca na xornada de hoxe esta nova quenda, na que investiremos máis de 3 millóns de euros no Salnés e O Ulla para formar a 120 persoas sen traballo nos obradoiros de Cambados, Vilagarcía, Vilanova, O Grove, a Mancomunidade e Valga-Moraña”. En total, na provincia de Pontevedra haberá 23 iniciativas laborais destas características cun orzamento de 11,2 millóns de euros e 446 participantes.

O obradoiro de emprego Cambados Rutas de Sendeirismo, que volve a celebrarse este ano tras a edición de 2020, contará cos módulos de Albanelería e Carpintaría. A formación prolongarase durante doce meses –tres meses máis que o ano pasado xa que o formato incrementou de xeito xeralizado a súa carga lectiva nun 33% para toda Galicia– e, ademais das ensinanzas teórico-prácticas, ofertarase a posibilidade de realizar prácticas en empresas da contorna ao seu remate grazas ao seu formato dual.

Luis López agradeceu aos participantes “a súa implicación e gañas de aprender un oficio mellorando os seus coñecementos para outorgarse máis oportunidades no mercado” e amosouse convencido de que “aproveitarán este ano completo ao máximo para adquirir coñecementos que poden ser fundamentais para o seu futuro profesional”. Neste senso, recalcou o “compromiso” da Xunta coa creación de emprego e a xeración de riqueza na comarca arousana, “algo que demostramos con feitos, tal e como se confirma cos seis obradoiros de emprego que arrancamos esta semana, a potente oferta de FP cun aumento do 25% na matrícula ou os vindeiros cursos de formación para desempregados”.

“Damos cumprida resposta ao que pide a cidadanía e ofertamos un programa de formación moderno, dual, orientado a xente sen traballo para mellorar a súa empregabilidade, posibilidades de futuro e inserción laboral, que ademais van recibir unha remuneración durante nove meses e que contribuirán ao beneficio de todas e todos con servizos públicos e atencións sociais”, concluíu o delegado territorial.