O Consello da Xunta aprobou este xoves o investimento de 915.000 euros para manter a continuidade na cooperación na conservación, xestión e explotación da estación depuradora de augas residuais do municipio de Cambados.
Mediante a autorización deste acordo, e en virtude do modelo voluntario de adhesión que recolle a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, o Goberno galego mantén activo o seu apoio ás entidades locais nas súas competencias de abastecemento, saneamento e depuración, e autoriza á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a unha nova prórroga do servizo que garante o funcionamento da depuradora municipal de Cambados, unha vez que o Concello así o solicitou.
A Xunta, a través de Augas de Galicia, ten asumido o servizo de mantemento da estación depuración que trata as augas residuais dos concellos de Vilanova de Arousa e Cambados desde o ano 2005 mediante un contrato de xestión e explotación da depuradora na que o Goberno galego leva investidos máis de 14 millóns de euros.
Coa autorización deste xoves do Executivo autonómico, a Xunta renova a actual concesión, que remataba o vindeiro 31 de decembro, por nove meses máis, ata o 30 de setembro de 2024.