'Violencia Zero' chega a Cambados para alzar a voz das mulleres silenciadas na historia

Performance de la campaña Violencia Zero promovida pola Diputación, en 2020. ARCHIVO
As veciñas que participaron no obradoiro da actriz Isabel Risco tomarán parte na performance e na peza teatral de esta tarde de domingo

A Deputación de Pontevedra continúa a espallar o programa Mulleres en Acción. Violencia Zero por toda a provincia, nesta ocasión cunha acción protagonizada pola actriz e pedagoga teatral Isabel Risco. A representación terá lugar esta tarde de domingo no Auditorio da Xuventude de Cambados a partir das 18 horas, á que asistirá a deputada provincial, Noemí Outeda, acompañada do alcalde de Cambados, Samuel Lago, e da concelleira de Educación, Fátima Abal.

A acción teatral Ferreiras dun país mellor dividirase en dúas partes: a primeira está vinculada a un obradoiro de varias sesións no que participaron previamente un grupo de mulleres para despois compoñer unha performance protagonizada por todas elas. A través de esta actividade, búscase visibilizar a figura das mulleres ao longo da historia, desde a antigüidade ata a actualidade. Por isto as participantes no obradoiro, porán en valor, a través do teatro, a labor das silenciadas pola historia contada por homes. O feito de reivindicar nesta acción a labor de todas esas mulleres que fixeron cousas épicas o longo dos séculos coa premisa de axudar a conseguir un mundo máis xusto e igualitario, é outra maneira de amosar a violencia estrutural que se leva exercendo contra as mulleres. Por outra banda, tamén se busca dar relevancia a todas as reivindicacións protagonizadas por mulleres no país e que son estandarte da loita feminista.

Isabel Risco, unha muller todoterreo

Isabel Risco (A Coruña, 1975) é unha recoñecida actriz, clown e pedagoga teatral galega galardoada cun premio Mestre Mateo á mellor interpretación feminina de reparto pola personaxe de dona Hortensia en Era visto!, e na 26.ª edición do Festival de Teatro Galego do Carballiño, recibiu o premio á mellor actriz polo seu papel en O furancho de Ibuprofeno Teatro. Comezou a súa andaina en grupos de teatro universitario da Coruña, na escola Casahamlet e asistindo a cursos monográficos. Traballou como actriz en series coma Padre Casares, Era visto ou Augasquentes e noutros programas da TVG coma O show dos Tonechos,  Luar, Land Rober ou Tourilandia, ademais de realizar curtas, publicidade e algunha longamentraxe, coma Os mortos van á présa, 9 Ondas ou Pelerinaxes.