Uxía Caride: “A cultura é o capital intanxible dun país”

A pesar de nacer en Vigo, reivindica a súa pertenza a Cambados ▶ Agora, traballa como xerente de AGAPI, a culpable do "boom do audiovisual galego"
photo_camera Uxía Caride para Vida Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
A miña historia
Empecei a vivir no Salnés cando tiña tres anos. Nacín nun hospital de Vigo e con tres anos os meus pais desprazáronse desde Baiona a Cambados porque conseguiron praza de profesores alí. Nesa casa vivín ata que me fun á universidade de Santiago de Compostela con 17 anos. Desde aquela pasei a vivir en Santiago, en Lisboa, en Málaga, en Madrid e de novo a esta terra que é onde quería vivir. O de nacer en Vigo considéroo un accidente porque, a pesar de que meus pais son de Ourense, eu reivindico o meu ser e pertencer a Cambados.

Por que che tira tanto Cambados?
A miña infancia en Cambados foi moi feliz. A miña unión coa vila é moi forte e profunda e por eso eu espero nalgún momento poder comprar en Cambados algo para poder ter unha segunda residencia, e poder pasar alí tempadas máis longas. Porque me apetece que a miña filla, que ten cinco meses, teña contacto coa vila.

E logo como é a xente de Cambados?
Eu vou dicir que boa. É xente afable, eu teño os mesmos amigos desde que eramos adolescentes e eles agora tamén teñen fillos e familia e para min é sempre bonito volver. 

Entón se os de Vilagarcía son ingleses, os de Cambados que sodes?
Non sei que somos. O que si sei é que a min aínda me din que non son de Cambados, dinme que son de Ourense (polos meus pais). Eles teñen como un arraigo que se non es de tres xeracións non te consideran da vila. Entón eu non sei se son de Cambados desde ese punto de vista. Eu reafírmome e si me considero de Cambados, pero eles a min... 

Que estudaches?
Estudei comunicación audiovisual na universidade de Santiago, despois fixen dirección de Hostalería e fixen dous máster, un en educación e outro en produción executiva que é no que estou traballando agora.

Traballas con produtoras independentes, que é eso?
Traballo desde hai 11 anos de xerente de AGAPI, a Asociación Galega de Produtoras Indpendentes, que funciona desde 1994. É unha asociación sen ánimo de lucro, privada. Son as empresas de produción independente de Galicia que se asocian para conseguir que o sector, e o tecido empresarial galego no audiovisual, estivese máis forte, máis unido. O traballo que facemos é defensa sectorial. Analizamos convocatorias, temos reunións políticas con administracións, somos os interlocutores coas televisións...

Sodes os culpables deste boom do audiovisual galego?
Pois vai ser que si. Os meus socios están tendo un éxito internacional moi grande. Recentemente Jaione Camborda, socia de AGAPI, coa súa produtora, acadou a Concha de Oro en San Sebastián (coa película “O Corno”), logo de outros éxitos como Matria, e no pasado O que arde, e tamén de Oliver Laxe, Mimosas... e dalgunha maneira somos responsables deste gran momento. A ver se sigue.

Por que de repente é tan fácil proxectar o talento cinematográfico de Galicia?
Non é fácil. Facer unha película demora uns tres anos, é moi complexo, e na produción executiva o máis complexo é conseguir a financiación. É verdade que coa chegada das plataformas hai máis ventás e hai máis pantallas, e tamén unha maior naturalidade á hora de escoitar as linguas que non son maioritarias no estado español. E iso si que lle fixo un gran favor a idiomas como o galego, porque a xente acostumouse a escoitar as versións orixinais dunha forma máis normal. Tamén hai que falar da aparición das novas pantallas o cal permite que podas ver outras películas que antes non tiñas opción de ver. Pero o camiño segue sendo bastante complexo. Non é fácil.

Entón o galego está tendo éxito nas pantallas e no audiovisual mentres morre como lingua? Está morrendo o galego?
Eu creo que non. Cantos anos leva morrendo? Unha lingua morre se non se fala, mentres se fale non morre. Na miña contorna, as familias coas que me relaciono que teñen cativos fálanlles en galego e a miña filla chámase Loaira que é un nome galego, e a miña crianza vai ser en galego. Eu penso que hai futuro.

Como é o teu traballo? Cóntame o proceso dunha produción?
O proceso leva moitas dores de cabeza, moitos picos de estrés, e tamén moitas frustracións compartidas moitas veces. Non é un camiño liñal. Hai momentos en que as cousas parecen que saen e despois caen. E todo ten que ver, primeiro con montar a financiación. Porque son cousas que custan moito diñeiro. Estamos falando que unha película media rolda un millón ou un millón e medio de euros, se falamos dunha produción pequena, e xuntalo non é fácil. Despois eso abrangue moitos departamentos que requiren unha coordinación. Logo hai que montar unha preprodución, para chegar a unha rodaxe, despois unha posprodución  e unha distribución... e require moito traballo. Por non falar do moito que tes que crer no proxecto que se está montando, porque se non estás namorado da túa idea como produtor é moi difícil que o poidas facer. 

Todo nace da idea dun produtor, dun guión ou dun director?
Eso é moi variable. A resposta galega sería, depende. Ás veces hai foros de directores e directoras con guionistas para ver se se xesta algo e van da man. Outras veces son os propios directores que saben que hai unha demanda de mercado ou hai interese por algo concreto e empezan a buscar á persoa que o poida contar. Outras veces nace dunha cesión de dereitos porque les unha novela que che gusta moita e buscas comprar eses dereitos para poder facer esa película. Hai moitos camiños. Outras veces sae de algo persoal. Hai xente que conta a súa propia historia. 

Que pensas das subvencións como elemento para o desarrollo cultural?
Eu son defensora das subvencións. Eu creo que a cultura debe estar subvencionada. Ao non ser rendable, ninguén faría cultura se non houbese subvencións. Eu penso que a cultura aporta moito capital a un país, capital intanxible, e hai que facer unha aposta decidida por destinar recursos públicos para que se poida seguir producindo cultura, e non deixalo só nun tema económico porque se non estaríamos todos producindo outras cousas. O cinema e o audiovisual ten algo de artesano e ten que existir un equilibrio público-privado que permita levar adiante as cousas, as producións. 

Estás nunha profesión difícil que che gusta. Gústanche os retos?
Si, ademais para min profesionalmente foi moi enriquecedor. Entrei na crise do 2012, despois dun momento fatídico, no 2011, cando se pecharon un montón de empresas. Cando eu collín a Asociación había 14 e agora hai 31 empresas, entón tamén a nivel personal ver crecer esto é unha satisfacción.

E o cine galego funciona nos cines?
Eu creo que si. Cada vez ten máis demanda. A xente empeza a ir aos cinemas a ver producións galegas que eso era algo que non era habitual hai uns anos.

E a internacionalización?
Estamos federados nunha asociación que se chama MAPA, é unha asociación estatal e traballamos en rede intentando compartir o que sucede nas distintas autonomías, e despois están as axudas europeas que é outro camiño que ten que ver coa internacionalización que é un camiño no que estamos e que nos está traendo moitas alegrías. Cada vez máis intentamos estar conectados, viaxamos a mercados, a festivais.

Defíneste feminista?
Ser feminista significa estar no mundo de hoxe. 

Pero o teu mundo de hoxe, o do cine e do audiovisual, ten unha historia de cosificiación e discriminación contra as mulleres. Estase superando?
Non. Aínda hai moitos teitos de cristal que romper e reivindico que hai que seguir loitando para conseguir estar nesa igualdade real da que estamos lonxe. De feito, desde AGAPI producimos un documental que se chama Elas, para visibilizar as produtoras executivas que agora mesmo son moitas e moi importantes en Galicia. 

Trouxeches a esta conversa un xoguete do teu bebé, un libro de literatura feminista e uns fíos de costureira. Quen es ti?
Creo que unha persoa moi responsable porque mo di moita xente. Pero son comprometida, intento ser fiel ás miñas ideas e intento pasar polo mundo facendo felices aos demais. Non sei se o consigo.

TEST DE VIDA

Unha palabra?
Loaira.
Un lugar?
Cambados.
Unha persoa?
O meu marido David.
Unha personaxe?
O koala Mofi.
Alguén imprescindible?
Os meus pais porque se non, non estaría eu aquí.
Alguén importante?
Pablo Iglesias, non é moi popular pero algo cambiou.
Un obxecto?
Un libro.
Unha ferramenta?
Un sacabocados, esto que fai furados nos cintos.
Que é a vida?
Aínda non o sei. Supoño que o pasar dos días.