A Unión Europea avala a Cambados na súa defensa da'Festa do Albariño’

O organismo encargado de resolver a disputa coa localidade alemá de Cuxhaven considera que "as probas presentadas son convincentes"
O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, participará na inauguración do Túnel do Viño. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha das últimas edicións da Festa do Albariño. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Oficina comunitaria de Marcas avala ao Concello de Cambados na súa defensa da marca Festa do Albariño trala controversia creada pola celebración dun evento baixo a mesma denominación en Cuxhaven. A primeira edición dos festexos na vila xermana, promovida dende a Mancomunidade do Salnés cando Gonzalo Durán era presidente, xurdiu en 2018 a raíz do irmanamento entre Vilanova e Cuxhaven. O naquel momento concelleiro de Enoturismo de Cambados, José Ramón Abal, participou na organización e a idea era celebrar unha segunda edición en 2020, promovida nesta ocasión dende o Centro Galego de Cuxhaven coa colaboración do Concello de Vilanova.

Por tal motivo, o bipartito cambadés recurriu ante instancias europeas para protexer a marca ‘Festa do Albariño’, considerando que o evento de Cuxhaven non contaba coa autorización municipal e temendo que puidese desvirtuar o prestixio da festa emblemática de Cambados. E aínda que nun principio a Oficina Comunitaria de Marcas rexeitara a solicitude, finalmente, tralas alegacións presentadas, rectificou a súa decisión asegurando "que as probas aportadas son suficientes para acreditar que a Festa do Albariño ostenta suficiente distintividade para ser considerada como marca".

En concreto, o organismo comunitario considera que "as probas do solicitante son suficientes para respaldar a declaración de carácter distintivo adquirido en relación cos servizos de festas populares". Na súa conclusión, a Oficina de Marcas tivo en conta "os documentos claves" achegados polo Concello de Cambados, como son a concesión do título de Festa de interese turístico internacional, a historia da Festa do Viño Albariño e a presenza da Festa do Albariño na lista de feiras españolas. De tal xeito que, segundo determina a resolución, "a proba do uso presentada é o suficientemente convincente como para concluír que se dá un carácter distintivo adquirido".

O alcalde de Cambados, Samuel Lago, sinala que "era a decisión esperada polo goberno, por ser de xustiza, e vén a poñer en negro sobre branco que o único lexitimado para utilizar a marca Festa do Albariño é o Concello de Cambados". Asimismo, na opinión de Tino Cordal, concelleiro de Cultura e Festexos, "é unha decisión lóxica e xusta que deixa as cousas claras e a cada quen no lugar que lle corresponde".