Tino Cordal (SOMOS CAMBADOS): "Finiquitamos unha débeda de 3,7 millóns sen subir impostos"

Tras gobernar conxuntamente co Partido Socialista durante os últimos catro anos, o candidato buscará neste 2023 facerse coa alcaldía
Tino Cordal, candidato de Somos Cambados. DS
photo_camera Tino Cordal, candidato de Somos Cambados. DS

En minoría, sen cobrar, e cunha pandemia. Que balance fai do anterior mandato?
Traballamos nunha situación moi complicada, na que se puxo a proba o noso compromiso con Cambados. Unha oposición destrutiva intentou asfixiar o funcionamento do Goberno, pero atendemos as necesidades dos veciños e sacamos adiante proxectos moi importantes.

Como cales?
Fixemos melloras no polígono industrial, organizamos numerosos eventos que dinamizaron a economía, como a Festa do Albariño, o Entroido, o Samaín ou Albariño no Camiño. Cambados converteuse nun referente no Nadal, cando antes non se lle daba ningunha relevancia. Sacamos adiante proxectos históricos, como a apertura do Museo Cabanillas ou a recuperación da escalinata de Fefiñáns.

Para cando será unha realidade a nova Praza de Abastos?
Parece que, por fin, se van despexando as trabas desde Portos de Galicia, porque o Plan Especial do Porto levaba estancado desde o ano 2014. Parece que non houbo moito interese por avanzar desde que chegamos nós ao Goberno. Estamos seguros de que vai ser neste mandato, e esperamos que se inicien as obras no 2024.

E a demanda de asumir a propiedade dos terreos portuarios?
É incomprensible. Parece incrible que no ano 2023, terreos que non teñen ningún tipo de uso portuario, como o Paseo da Calzada, desde hai case 200 anos, a día de hoxe teñamos que pagar un aluguer. Hai un abuso e non só con Cambados, senón tamén con outras vilas, e no noso caso é esaxerado. Tivemos problemas ata para una lectura de poemas con escolares. No Salón José Peña fixemos un investimento dun millón de euros, non nos deixaron usalo e tivemos que pagar unha taxa por cada evento, cando son sen ánimo de lucro. É incomprensible.

Unha queixa habitual e o abandono dos núcleos do rural.
Fixemos un desenvolvemento da fibra óptica ao mesmo tempo no rural que non centro urbano e as porcentaxe están por enriba do 75% no núcleo e nas parroquais. Cónstame que se avanzou en completar o asfaltado de camiños, a rede de saneamento e abastecemento. En materia cultural, organizamos actividades nas parroquias. O rural estivo atendido e apostamos por descentralizar as instalacións deportivas, que están moi concentradas no Pombal.

Cal é a situación da economía municipal?
Collemos una débeda de 3,7 millóns de euros, fomos quen de finiquitala e pasamos a ter dous millóns no banco. Só hai cinco concellos na provincia de Pontevedra que estean nas circunstancias de Cambados, e quince en Galicia. Pagamos a débeda e temos 400.000 euros a maiores todos os anos para obras e servizos. Saneamos o Concello reducindo impostos. Cambados é o concello do Salnés onde menos impostos se pagan. En materia de impulso á creación de emprego, pasamos de 1.500 persoas en situación de desemprego a menos de 700. Creáronse 400 postos neste mandato, grazas ao investimento no polígono.

Como resultou a convivencia no Goberno local co PSOE?
Foi un Goberno estable. Todo se desenvolveu con normalidade.

Pasaron de dous a tres concelleiros, Que espera do día 28?
Seguir medrando, tanto en votos como en número de concelleiros, e poñernos en disposición de liderar o vindeiro Goberno municipal.