Samuel Lago (PSOE) "Traballamos para todos, non para gardar as aparencias"

Samuel Lago, candidato del PSOE de Cambados. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
El alcalde de Cambados busca en este 28-M hacerse con la alcaldía en las que serán sus primeras elecciones como número uno de la lista de su partido

A dimisión da alcaldesa e compañeira de partido, Fátima Abal, fixo que se convertese en alcalde, e agora ten que refrendalo.
Temos un traballo feito que nos respalda, temos que facer que o vexa xente, e desmentir ese especie de panorama caótico que está presentando a oposición, con falsidades como a perda de subvencións ou vídeos manipulados.

Optaron por esa estratexia en lugar de presentar propostas. 
Non debeu ser sinxelo porque tiveron que traballar sen cobrar?
Este mandato foi o máis difícil, porque polo tema da covid tivemos que redistribuír os recursos para axudar as familias. A suba dos prezos tamén repercutiu moito. Traballei tres anos sen cobrar, saíndo unha hora antes do meu traballo pola mañá e dedicándolle as tardes ao Concello.Un tempo que tiven que restarlle á familia. Vende moito inaugurar, pero os veciños tamén queren servizos. Sempre quixemos facer obras útiles, que non son pequenas. Temos varias de 300.000 euros. O que non fomos é a obras millonarias porque o primeiro é cubrir as necesidades básicas da xente. Pero aí está a reforma da Praza da Xuventude (máis de 200.000 euros) ou da Praza de San Gregorio. Temos aprobadas as da Praza das Rodas e de Fefiñáns, que está comezando. Fixemos un montón de pavimentacións no rural de acceso a vivendas e a explotacións agrarias, e estendemos as redes de saneamento. Temos agora o proxecto máis ambicioso na historia desde Concello: son 1,7 millóns de euros para eliminar a depuradora do Facho, que funciona mal, e facer redes separativas en todas as rúas.

Cal é o criterio que seguen?
Cambiamos o paradigma. Aquí facíase o superficial, o que se ve, as aparencias. Herdei algún proxecto, como o da rúa Sevilla, feito así, na que nós incluimos as redes separativas porque vai directa ao mar. O gran problema que temos e que vai todo á depuradora, auga da chuvia e augas fecais, desborda e provocan o retorno e malos olores nas sumidoiros, ou acaba no mar. Ese problema está casi resolto.

Cando mandaba o PP parecía inmediata a construción da nova Praza de Abastos e o proxecto segue sin ir adiante.
Houbo moitos obstáculos, moita falta de interese e, teño que dicilo, creo que se instrumentalizou por un órgano que é Portos de Galicia. Esa obra tiña que estar feita, había financiación comprometida, renovamos ese compromiso, entre a Deputación, o Ministerio e a Xunta, e agora estamos á espera de que se aprobe o Plan Especial do Porto, que está na última fase, porque eses terreos non estaban calificados como edificables e por iso non se podía. Unha vez resolto, vemos a luz no final do túnel e imos sacar adiante o proxecto.

Cambados segue a pedir a cesión dos terreos portuarios.
En 2016 solicitamos a desafectación daqueles terreos que a día de hoxe non teñen uso portuario, como o Paseo da Calzada, o das Palmeiras e onde están a estación de autobuses, o Centro de Saúde e algúns negocios privados, como tamén San Tomé. Cada vez que os utilizamos temos que pagar unha taxa a Portos de Galicia, pero as tarefas de conservación e mantemento as fecémolas nós, e non porque nos correspondan, senón porque se non as facemos, estarían abandonadas.

Chama a atención o traballo en dous temas: a discapacidade e a diversidade sexual.
Diversidade sexual e de calquera índole. Nós aquí estamos moi concienciados coa diversidade e coa igualdade, dúas palabras que veñen significando o mesmo. Por iso temos en marcha multitude de iniciativas. Tamén estamos traballando nas infraestruturas adaptadas as persoas con diversiade funcional ou problemas de mobilidade, e a idea é continuar.

A Festa do Albariño tocou teito ou hai posibilidades de seguir innovando?
A do ano 2022 foi especial porque era a edición número 70, case nada, e a primeira despois de dous anos nos que non se celebrou pola pandemia. Foi distinta: ampliámola no espazo, levando as actividades a distintos puntos, e no tempo, pasando de cinco a dez días. Esta vai ser máis normal, pero hai cousas que probamos e vamos seguir por ese camiño, como a diversificación de escenarios e no carácter dos espectáculos, pensando en xente de todas as idades.

Que perspectivas ten o PSOE de cara ao día 28?
Aspiramos a ser a forza máis votada. É a nosa meta. As maiorías neste concello van ser moi complicadas porque hai moitas forzas políticas; son seis as que se presentan en cinco teñen representación. A idea é alcanzar unha maioría que nos permita gobernar sin o bloqueo que tivemos neste último mandato.

E a ecuación, como sairía?
Pode saír de varias formas: un goberno en minoría, un pacto bipartito ou tripartito.

Cal é a sensación que está deixando a campaña electoral?
Francamente boa. Estamos facendo visitas polas parroquias, tivemos reunións cos sectores produtivos e asociativos, e a xente está satisfeita co que fixemos e coas
nosas propostas.

A política local de Cambados cambiou moito en oito anos.
As cousas vense desde outro prisma. Non deben gobernar sempre os mesmos e para os mesmos, senón para todos. Non para lucirse e facer mausoleos. O noso non son as aparencias. Aí está a reforma do depósito de auga, que apenas se falou dela e é fundamental porque estaba nun estado lamentable e só se podía encher ata a metade. Son obras que non locen nin venden, pero a todo o mundo lle gusta abrir a billa e ter auga. Outro exemplo: cando chegamos había un comedor escolar e hoxe téñeno todos os centros.