A Real Academia Galega recibe como membro de honra o profesor Takekazu Asaka

"Para min, nipogalego, a lingua propia de Galicia é a miña segunda lingua", sinalou o embaixador do idioma e da cultura galegas no Xapón durante o acto celebrado no Auditorio da Xuventude de Cambados
Takekazu Asaka, novo académico de honra da RAG. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Takekazu Asaka, novo académico de honra da RAG. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Foi profesor de castelán na Universidade Tsudajuku durante décadas pero a súa paixón é desde hai moito a lingua e a cultura galegas e exerce como auténtico embaixador cultural de Galicia no seu país natal. En recoñecemento a este labor, a Real Academia Galega recibiu a Takekazu Asaka (Tokyo, 1952) como membro de honra nun acto celebrado en Cambados, a vila de Ramón Cabanillas, un dos clásicos galegos que verteu ó xaponés. O filólogo nipón levou tamén ó seu idioma materno a Rosalía de Castro, Uxío Novoneyra ou os poetas medievais, promoveu a súa difusión a través da música, editou manuais pioneiros para a aprendizaxe do galego desde o xaponés, impartiu durante máis de quince anos clases da lingua galega en varias universidades do seu país e estudou desde o seu idioma fenómenos lingüísticos como a gheada, o pronome de solidariedade e o infinitivo conxugado, entre outras achegas. E séntese parte de Galicia, país ó que o unen asemade numerosas amizades que o acompañaron este mediodía.

“Para min, nipogalego, desde hai anos a lingua propia de Galicia é a miña segunda lingua. Ser membro de honra desta institución é o máximo que podería agardar dunha terra e dunha xente que tan ben me acolleron, e que me acollen cada vez que volvo”, declarou o profesor na apertura da súa intervención, titulada Do poñente ó nacente. Unha ollada desde Xapón á lingua e á cultura galegas. “Hoxe, ó nomealo académico de honra, esta institución agradece de novo a entrega á causa de Galicia deste xaponés, fillo e neto de labregos do Tokyo rural; e recoñece o seu labor incansable na defensa da lingua e da cultura da súa segunda patria”, salientou o académico de número cambadés Francisco Fernández Rei na resposta que lle deu en nome da Academia. “Hai moito tempo que simbolizas a forza que vén de lonxe, de ben lonxe no teu caso”, concluíu.

A cerimonia, celebrada no Auditorio da Xuventude de Cambados, incluíu un recital poético a cargo da soprano Miho Haga e a pianista Kazumi Ogura, encargadas de interpretar varios poemas de Cabanillas e Celso Emilio traducidos ó xaponés polo novo académico de honra. O profesor Takekazu adoita completar as súas edicións xaponesas de autores galegos con cedés de versións musicais. Promove ademais no seu país, desde 2008, o Ciclo de música e poesía galega, que contou con algunha réplica arredor do vate cambadés neste mesmo escenario da vila pontevedresa nos anos 2014, 2017 e 2023.

A descuberta do galego nun quiosco da praza de Cibeles

O propio Takekazu foi previamente recitando, en galego e xaponés, versos de Rosalía, Novoneyra e Cabanillas, nunha intervención en que rememorou a súa descuberta do galego a finais dos anos 70 e como foi medrando a súa relación co idioma no plano intelectual e no emocional. En 1977 estaba a realizar unha estadía en Madrid para estudar castelán. Alí, na praza de Cibeles, mercou o seu primeiro exemplar do semanario A Nosa Terra. “Sorprendeume moito que non estivese escrito no mesmo idioma que outros xornais españois, foi o primeiro contacto que tiven co galego escrito”, lembrou. 

De volta á casa, colaborou en ocasións con esta cabeceira desde a sección de cartas dos lectores. Nos anuncios destas páxinas descubriu a editorial Galaxia e axiña encargou o Dicionario de Xosé Luís Franco Grande e a Gramática elemental del gallego común de Carballo Calero. Dous meses despois, recibía por vía marítima os libros, acompañados dunha agarimosa carta de Xaime Isla Couto, un dos fundadores do selo creado desde a resistencia galeguista no interior. 

A primeira visita a Galicia demoraríase ata setembro de 1989, cando sendo xa profesor titular da Universidade de Tsudajuku asistiu en Santiago de Compostela ó XIX Congreso Internacional de Lingüística e Filoloxía Románica. Nesta cita, co académico Ramón Lorenzo á fronte da organización, coñecería moitos estudosos do galego, locais e doutros países, que andado o tempo se converterían en colaboradores e amigos. Entre eles, Francisco Fernández Rei, quen recordou tamén na sesión de hoxe o seu primeiro encontro co 'amigo Take”, 'Takiño', naquelas xornadas.

Manuais de lingua pioneiros no Xapón

En diante, o profesor chegaría desde Xapón practicamente cada verán, primeiro para participar como alumno nos acabados de crear cursos de verán de galego para persoas de fóra de Galicia e despois para traballar en distintos aspectos do idioma e da cultura do país. E tamén para seguir coñecendo o seu territorio e a súa xente, sinalou nun discurso inzado de lembranzas de primeiros encontros e novas amizades, como Isaac Díaz Pardo e Xosé Neira Vilas.

As primeiras contribucións de Takekazu Asaka no campo dos estudos galegos centráronse na lingua, un legado imprescindible para comprender un pobo, considera: “Cando comecei a dar clases de galego para universitarios, explicáballe ó meu alumnado xaponés que era necesario aprender a lingua do pobo galego para entender a súa historia, cultura e xente”. Co ánimo de favorecer a súa aprendizaxe, en 1993 publicou a súa Gramática do galego moderno, a primeira deste tipo para estudantes xaponeses, cun gravado de Carlos Maside na cuberta que adiantaba o seu constante interese por unir as letras con outras formas de expresión artística. Logo chegarían a Guía de conversación en galego (1994), cunhas dúas mil entradas e cuberta de Xosé Vizoso; e o Vocabulario básico da lingua galega (1995), cunha obra de Isaac Díaz Pardo na cuberta, dous títulos que dan conta da atención que lle presta ó léxico e á fraseoloxía. Anos máis tarde, presentou As linguas en España e Portugal. Estudo da sociolingüística (2005) e a Nova gramática galega (2016) para o alumnado nipón, corrixida e ampliada en 2018.

A importancia de cultivar as relacións exteriores

Tras lle facer entrega da medalla e do diploma de académico de honra, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, agradeceulle a Takekazu Asaka a amizade “intensa e xenerosa” que mantén con Galicia e a súa lingua e cultura. “É unha honra e un orgullo grande poder presumir do seu traballo e da súa presenza naquelas extremas do mundo, onde a nosa cultura interesa e, da súa man, fai sementeira”, expresou. O presidente da Academia destacou tamén a importancia de “abrir portas para a relación exterior”. “O amor aliméntase de relacións e coñecemento”, advertiu.

O novo académico súmase á nómina de membros de honra da RAG, á que xa pertencen nestes momentos Kathleen March, embaixadora da cultura galega nos Estados Unidos; María Rosa Lojo, desde a Arxentina; Carlos Alberto Zubillaga, no Uruguai; John Rutherford, desde Reino Unido; e Marina Mayoral desde Madrid; e da que formaron parte nos últimos anos tamén, entre outros, os galeguistas italianos Giulia Lanciani (1935-2018) e Giuseppe Tavani (1924-2019).