O "escultor do espírito" impregnou o Día das Letras Galegas en Cambados

A Real Academia Galega de Belas Artes rinde homenaxe a Francisco Asorey na súa vila natal
Acto institucional Dia Artes Galegas Cambados Francisco Asorey
photo_camera Acto de homenaxe do escultor Francisco Asorey en Cambados. RAGBA

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) homenaxeou hoxe nas celebracións do Día das Artes Galegas 2024 ao escultor cambadés Francisco Asorey. O acto institucional en lembranza do escultor celebrouse no Auditorio Municipal de Cambados e contou coa asistencia do presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo; o académico de número da sección de Arqueoloxía e Museoloxía da institución, Felipe-Senén López Gómez, que pronunciou a laudatio “O escultor Asorey”; o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, Román Rodríguez González; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; e o alcalde de Cambados, Samuel Lago Ozón; ademais doutras autoridades institucionais e académicas.

O presidente da RAGBA, no ano do 175 aniversario da institución, destacou o traballo da Academia en prol da protección, conservación, recuperación e proxección das artes galegas, como así exemplifica a súa historia na que propiciou a creación da Escola de Belas Artes da Coruña, o establecemento do Museo de Belas Artes, así como tamén animou e premiou a Asorey ao longo da súa traxectoria. “Falar de Asorey é falar da escultura con maiúsculas, dun talento excepcional que si ben, dalgún xeito, tense a emparentar coa tradición da imaxinería dos séculos XVII e XVIII ou con mestres da imaxinería galega como Moure ou Ferreiro, a súa obra da un paso máis deixando mostra dunha entidade superior cunha auténtica mestría escultórica, tanto nas madeiras policromadas como traballando a pedra” –explicou o presidente–.

Quintana Martelo explicou que ao longo deste ano a figura de Francisco Asorey será estudada nas escolas e a súa obra será difundida en estudos e conferencias temáticas, na mostra ao aire libre 'Os vieiros de Asorey' que se poderá visitar en Cambados ata o 4 de maio, nun concurso de arte para escolares e con continuas revisións da súa arte, ademais dunha grande exposición que culminará este traxecto sobre Francisco Asorey e que se inaugurará proximamente na Cidade de Cultura de Galicia en Santiago de Compostela. Por suposto, o presidente agradeceu a colaboración de diversas institucións como a Xunta de Galicia, o Concello de Cambados, as Deputacións, e outros organismos públicos, ademais do apoio da Fundación Francisco Asorey e da súa familia.


A raza, o sentir etnolóxico, cultural e diferencial de Galiza

O académico Felipe-Senén López pronunciou un emotivo discurso que xirou sobre a intensa vida do escultor Asorey. Comezando pola súa infancia, o académico narrou que Francisco Hipólito Asorey González (Cambados, 1889-Compostela, 1961) foi fillo de emigrantes enriquecidos e retornados de Arxentina, e xa desde ben neno, e a pesares da opinión do seu pai, sinte a tradicional vocación de santeiro e imaxineiro. Así, en 1903 marcha a formarse nas Escolas dos Salesianos de Sarriá (Barcelona) e logo, en 1906 trasládase como profesor de debuxo á escola da mesma orde en Barakaldo (Bizkaia) onde monta un taller.

Nestes primeiros anos, o académico lembrou que Asorey recibía encargos de tema relixioso, sometido ao clasicismo grecolatino e renacentista que impoñía a igrexa sen deixar de entrever o acontecer escultórico dunha Europa que se movía cara ao modernismo. Tamén explicou que recibiu a influenza das novas artes da imaxe, especialmente da fotografía, como así o demostrou a súa amizade co fotógrafo Luis Casado Fernández ‘Ksado’ (Ávila, 1887– Santiago, 1972) e os temas parellos entre o escultor e o fotógrafo plasmado en obras escultóricas como Picariña ou Naiciña.

O académico relatou tamén a chegada de Asorey a Madrid en 1909 para entrar en filas, e a súa volta a Galicia en 1918 cando consegue a praza de escultor de Anatomía na Facultade de Medicina de Santiago, cidade na que se establece para casar, no Santuario da Escravitude, con Jesusa Ferreiro. Nos anos 20, Felipe-Senén López explicou como Asorey monta o seu taller na costa de Caramoniña, na zona compostelá de Bonaval, tempo no que se envolve nas raiceiras históricas de Galicoa, na orixe e a orixinalidade como aporte á universalidade. “O escultor buscaba recrear sobre os presupostos que ofrecen as tradicións galegas, as do panceltismo atlántico e as do cristianismo, seguindo a fervenza de ismos e de influentes creadores  e innovadores nas artes que abriron o século XX, como Vicente Risco, Castelao, Ramón Cabanillas ou Antonio Palacios. Nesta época o escultor pon en valor as esencias de espírito que singularizan a raza, o sentir etnolóxico, cultural e diferencial de Galiza, como feito de erguer a dignidade do pobo asoballado” –apuntou Felipe-Senén López–.

A escultura en madeira policromada Picariña (1920) e as posteriores de Naiciña (1921), O tesouro, Ofrenda a San Ramón ou Santa (ambas do 1923) foron obras de Asorey moi eloxiadas nas exposicións nacionais de Belas Artes de Madrid. “Todas as obras eran de tema galego, de base pegada á terra en ascese ao vértice, á luz, nas que se fai sobranceiro ese buscado carácter, o que entón chamaban raza, en relación coa etnia, o de a Galiza santa de romeiros e xograres que cantaba o seu paisano e amigo, o poeta Ramón Cabanillas” –sinalou o académico–.

Segundo recalcou Felipe-Senén López, os materiais preferidos de Asorey para a escultura eran os da terra, a pedra e a madeira, axudados polo singular xeito de traballo expresionista da policromía, polo que se deixa denotar na materia o curso das gubias ou dos ciceis. Lembrou o académico, que o escultor cambadés trataba temas cargados de simbolismo, lonxe do pintoresquismo ou do folclorismo enxebre, nos que radicaban as esencias do celtismo e do cristianismo, contando sempre cos herdos clásicos que propoñían as academias.