O programa 'Degusta Europa' leva á Praza de Abastos de Cambados 800 tapas

Os alumnos do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra foron os encargados de preparar as tapas na cita de Cambados. DS
Foron elaboradas polo alumnado do CIFP Carlos Oroza con produtos da provincia de quilómetro cero

O programa da Deputación 'Degusta Europa' aterrou onte na Praza de Abastos de Cambados, onde a veciñanza da vila e as persoas traballadoras do mercado municipal desfrutaron de máis de 800 tapas elaboradas polo alumnado do CIFP Carlos Oroza con produtos da provincia de quilómetro cero. Zamburiña gratinada, mexillóns á crema, larpeira de sobremesa, e ponche de Sansón e queimada 4.0, para beber, foron as tapas que compuxeron o menú que o alumnado do centro de formación profesional pontevedrés deseñou para a ocasión. 

'Degusta Europa' trátase dunha iniciativa impulsada pola Deputación para destacar o Día de Europa, que se celebra cada 9 de maio para conmemorar a firma da 'Declaración de Schuman'. O obxectivo principal desta iniciativa é poñer en valor os produtos de quilómetro cero da provincia e dinamizar os mercados e prazas municipais para darlles un toque de innovación e vangarda gastronómica da man do alumnado e o profesorado dos centros Carlos Oroza de Pontevedra e Manuel Antonio de Vigo.

A edición deste ano está ligada á campaña de turismo 'Orixe Rías Baixas' e pretende render unha homenaxe á gastronomía das avoas da provincia, recuperando receitas tradicionais e reinterpretándoas con produtos locais para defender o patrimonio inmaterial dos pobos da Unión Europea: a gastronomía.

En Cambados todas as elaboracións foron preparadas polo alumnado do CIFP Carlos Oroza, que foi tamén o encargado dos menús da cita de Redondela, que tivo lugar o día anterior, e da de Pontevedra, que será hoxe venres. Pola súa banda, o CIFP Manuel Antonio de Vigo preparará as degustacións dos outros tres mercados municipais que participan nesta edición de 'Degusta Europa': Tui (26 de abril), Baiona (3 de maio) e Vigo (4 de maio).