O PPdeG lamenta en Cambados o uso partidista que fan PSOE e BNG da sanidade

“Prefiren que non se solucionen os problemas para que non se lle caia o seu discurso electoral”, sinalaron na reunión celebrada este sábado no municipio de O Salnés
(20230204_JLO_0088.JPG)  Salnes Julio Garcia Comesaña se reune en Cambados con alcaldes y vocales del Partido Popular en la comarca del Salnes12038
photo_camera Julio García Comesaña xunto a representantes do PPdeG en Cambados. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Partido Popular de Galicia lamenta o uso partidista que fan o PSOE e o BNG do problema de falta de médicos que afecta a toda España e recrimínalles a súa constante oposición ás medidas adoptadas polo Goberno galego para ofrecer solucións dentro das súas competencias: “Prefiren votar en contra de calquera solución e non reclamar ao Goberno central que nos permita formar máis médicos para que non se lle caia o seu discurso electoral na campaña”.

Neste sentido se manifestou esta mañá o máximo responsable da Sanidade galega, Julio García Comesaña, durante unha reunión na sede local do Partido Popular de Cambados xunto a alcaldes e voceiros da formación na comarca do Salnés. Unha xuntanza que tiña por obxectivo dar traslado das medidas que está a adoptar o Goberno galego en materia sanitaria.

Puxo en valor que, grazas ao pioneiro sistema de adxudicación de prazas por concurso de méritos, puideron incorporarse 21 médicos á sanidade pública da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés. “Pese ao voto en contra da oposición a esta medida, grazas a ela conseguiuse cubrir prazas que doutro xeito seguirían sen cubrir”, afirmou Comeseña ao respecto.

Lamentou acto seguido que o PSOE e o BNG aborden o tema de sanidade “non para aportar solucións, nin para propoñer medidas, nin para reclamar a quen ten competencias”, senón que “votan en contra de todo para que non se lle caian os argumentos que utilizan na súa campaña electoral e para que mentres se fale dese tema non se fale doutros problemas”. Así mesmo, puxo sobre a mesa o “inaudito” de que os partidos da oposición convoquen unha manifestación sanitaria: “En ningunha Comunidade Autónoma os partidos políticos convocan manifestacións salvo en Galicia, onde prefiren poñerse detrás da pancarta que votar a favor das solucións que se propoñen”.

Julio García Comesaña concluíu volvendo a reclamar ao Goberno central que permita ás comunidades formar máis médicos de familia, flexibilice o sistema de elección de prazas MIR e cree a especialidade de Urxencias. “En Galicia seguiremos como ata o de agora traballando e tomando medidas para solucionar o problema de falta de médicos”, remarcou antes de insistir en que “nunca houbo tanto persoal nin tanto orzamento para Atención Primaria na nosa Comunidade como nestes momentos”.

Sabela Fole: "Os veciños non merecen a utilización partidista dun asunto de vital importancia como a sanidade"

Á reunión asistiron tamén o vicesecretario de Familia do PPdeG, Alberto Pazos, e a coordinadora de Sanidade do PPdeG, Encarna Amigo. Exerceu como anfitrioa a candidata do PP á alcaldía de Cambados, Sabela Fole.

A alcaldable cambadesa quixo poñer de manifesto que “se hoxe en Cambados temos tres médicos máis é grazas ás medidas propostas polo Goberno galego e grazas ao Partido Popular de Galicia, que votou a favor e permitiu así que se puideran cubrir estas prazas”. 

Contrapoñendo esta actitude coa do PSOE de Cambados, que votou en contra dunha moción municipal do Partido Popular para estender o sistema de cobertura de prazas por concurso de méritos tamén aos hospitais comarcais. “Por non ir en contra de Pedro Sánchez, o alcalde de Cambados e o seu equipo non dubidaron en poñerse en contra das necesidades dos seus veciños e dos veciños de toda a comarca do Salnés”.

Sabela Fole quixo referirse tamén ás descualificacións vertidas pola deputada cambadesa do BNG, Montse Prado, contra os responsables da sanidade pública galega, afirmando que “os veciños non quere este clima de crispación constante e non se merecen que se siga utilizando de xeito partidista un asunto de capital importancia como é a sanidade”.