A obra de Manolo Paz viaxa ás rúas de Madrid

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o alcalde da capital de España, José Luis Martínez-Almeida, e a responsable da Área de Cultura, Turismo e Deporte do Concello de Madrid, Andrea Levy, participaron xunto co artista na inauguración
Inauguración da mostra en Madrid. DS
photo_camera Inauguración da mostra en Madrid. DS

A obra de Manolo Pazo presidirá as rúas de Madrid. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; o alcalde da capital de España, José Luis Martínez-Almeida, e a responsable da Área de Cultura, Turismo e Deporte do Concello de Madrid, Andrea Levy, participaron este venres xunto co artista Manolo Paz na inauguración de A distancia que nos une, un proxecto do escultor cambadés que a Xunta de Galicia leva á capital de España. Trátase dunha iniciativa que se poderá ver este outono nas rúas de maior relevancia artística da cidade tras o éxito acadado por unha proposta similar este verán en Santiago de Compostela. 

Durante o acto, o responsable autonómico de Cultura salientou que a inauguración deste proxecto supón a divulgación “dun dos mellores exemplos da nosa tradición artística”. “Manolo Paz é un dos nosos maiores embaixadores culturais e é un auténtico orgullo para Galicia que as súas obras estean expostas nunha cidade tan multitudinaria e cosmopolita como é Madrid”, salientou Román Rodríguez. 

Neste senso, o conselleiro de Cultura agradeceu a colaboración do Concello de Madrid e mostrouse convencido de que o traballo de Manolo Paz, comisariado por David Barro, cativará “tanto aos madrileños como aos visitantes, que poderán descubrir máis sobre a súa obra e a súa particular visión de Galicia, tal e como xa pasou durante este verán en Santiago de Compostela”. 

A distancia que nos une poderá verse en Madrid no marco da celebración do Ano Santo como unha oportunidade para promocionar a cultura dentro e fóra do territorio e a través dun proxecto colaborativo entre a Xunta de Galicia, o Concello de Madrid e a galería de arte madrileña Max Estrella.