O deseño do IES Ramón Cabanillas recibe o accésit no concurso de carteis polo 8-M

O xurado destaca a alta participación, xa que nesta edición presentaron os seus traballos case un centenar de centros educativos 
Accesit escolares de 1º da ESO do IES Ramón Cabanillas de Cambados co Rumbo á igualdade. DS
photo_camera Accesit escolares de 1º da ESO do IES Ramón Cabanillas de Cambados co Rumbo á igualdade. DS

O xurado do concurso do deseño do cartel do 8 de marzo, o Día Internacional da Muller, ditaminou os carteis gañadores da sexta edición desta iniciativa da Xunta de Galicia, resultando gañadores os traballos de escolares de centros da Coruña, Baiona, Pontevedra, Bueu, Cambados e Lugo. 

Establecéronse tres categorías no certame. Na primeira, dirixida ao alumnado de infantil e aos cursos de primeiro, segundo, terceiro e cuarto de educación primaria, obtivo o primeiro premio o alumnado de 2º de Primaria do Centro de Educación Infantil e Primaria Plurilingüe Anxo da Garda da Coruña co título Igualdade; o segundo galardón recaeu nas alumnas e alumnos do 4º de Primaria do CPI Cova Terreña, de Baiona, co traballo Fomentamos a igualdade no patio do cole; e o accésit foi para o alumando de 4º de Infantil do CEIP A Carballeira, de Lourizán-Pontevedra con Mariscadoras. 

Na segunda categoría, para o alumnado de quinto e sexto de educación primaria e de primeiro e segundo da ESO e de educación especial, resultou gañador co primeiro posto o alumnado de 2º da ESO do Centro de Educación Especial Nosa Señora do Rosario, da Coruña, co deseño Seguimos en loita pola igualdade; o segundo premio foi para as alumnas e alumnos do IES Illa de Ons de Bueu co traballo Pero se xa hai igualdade; e o accésit recaeu nos escolares de 1º da ESO do IES Ramón Cabanillas de Cambados co Rumbo á igualdade. 

ACCESIT_SEGUNDA_CATEGORIA IES Ramón Cabanillas de Cambados. DS
Cartel dos alumnos do IES Ramón Cabanillas de Cambados. DS

Na terceira categoría, dirixida ás alumnas e os alumnos de terceiro e cuarto da ESO e primeiro e segundo de bacharelato, de FP básica, de ciclos de grao medio e superior, obtivo o primeiro premio o alumnado de 1º de Bacharelato do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo con Elas abriron o teu futuro; o segundo galardón foi para as alumnas e alumnos de 4º da ESO do IES Rafael Dieste da Coruña con Alumeando; e o accésit obtívoo o alumnado de 2º de Bacharelato do IES A Xunqueira II de Pontevedra co título Publicacións pola igualdade. 

O xurado valorou este ano de xeito positivo a alta participación acadada nesta edición do certame no que presentaron os seus traballos ata 95 centros escolares. O obxecto do concurso é fomentar a promoción da igualdade dentro dos centros educativos galegos, a través dunha acción que visibilice a contribución das mulleres nos distintos ámbitos e promova a reflexión sobre os estereotipos de xénero que aínda existen na sociedade, as causas e a orixe da discriminación de xénero, así como o camiño que as mulleres tiveron que percorrer para ver recoñecidos os seus dereitos.

As imaxes gráficas gañadoras poderán ser utilizadas pola Xunta de Galicia na conmemoración do Día Internacional da Muller, así como para outras accións de sensibilización e promoción da Igualdade.