O Concello solicita a reforma da Casa do Mar logo dos problemas coas choivas

Co inicio da tempada de inverno, o local rexistra inundacións no seu interior impedindo aos xubilados e pensionistas levar a cabo as diferentes actividades
Casa do Mar de Cambados. CONCELLO DE CAMBADOS
photo_camera Casa do Mar de Cambados. CONCELLO DE CAMBADOS

O Concello de Cambados a través do concelleiro de Cultura, Tino Cordal, e a Asociación de Xubilados de Cambados, por medio da súa presidenta Ramona Mosteiro, solicitan o arranxo do local de xubilados e pensionistas da Casa do Mar do municipio. Cordal afirma que co inicio da tempada de choivas, xa sufriron como "chove a cántaros dentro do salón".

Dende o ente local aseguran que levan moitos anos reclamando a necesidade de acometer as obras. "No seu momento presentouse un proxecto co que se contaba que as melloras ían levarse a cabo o pasado verán, pero déuselle prioridade á Casa do Mar de Vilagarcía", comenta o concelleiro. "Entendo que a Casa do Mar de Vilagarcía tamén necesitaría facer unhas obras pero nos levamos reclamando xa dende hai máis de seis anos a necesidade de facelas e agora que chegou o inverno atopamos que os nosos maiores non poden estar alí, nun local no que directamente chove dentro". Por iso, instan ao Instituto Social da Mariña a que o faga "o antes posible".

Non é a primeira vez que dende o Concello de Cambados solicitan o arranxo do local. "O que pasou a última vez e que eles tiñan un prazo para iniciar as obras, pasou ese tempo, e non as fixeron. Despois tiñan que solicitar unha prórroga e tiñan que pagar unha tasa pero non nos consta que chegaran a pagala", sinalou o concelleiro, quen entende que "simplemente é falta de interés, de non entendelo como prioridade, e nos non queremos entrar en ningún tipo de conflito. O que queremos e que se arranxe o problema que teñen os xubilados e pensionistas da Casa do Mar, e danos igual quen estea gobernando e de quen sexa a administración responsable".

A reforma a realizar na Casa do Mar suporía mudar as cubertas e as canalizacións, nun local polo que pasan preto de 25 persoas por día e que, segundo confirma a presidenta da Asociación de Xubilados de Cambados, Ramona Mosteiro, "por estar así o salón non van todas as que quererían".

"A situación é desastrosa, e en pouco tempo pode ser insalubre", lamentou a presidenta. "O que lles digo e que se están pensando no ben das persoas maiores, o ocio tamén é moi importante, e incluso pode afectar a saude mental". O problema, segundo indican, comezou fai "tres ou catro anos, e agora é casi un diluvio. Ademais cheira mal, a humidade". sentenciou Mosteiro.