O Museo do Viño recibe a terceira doazón de pezas victorianas da familia Rey Madarnás

O alcalde e o matrimonio asinaron a entrega da terceira remesa composta por un conxunto de café e té plateado labrado con motivos vinícolas
O alcalde asinou o acordo para a concesión da terceira remesa coa familia rey Madarnás. DP
photo_camera O alcalde asinou o acordo para a concesión da terceira remesa coa familia rey Madarnás. DP

O alcalde de Cambados, Samuel Lago, e a familia Rey Madarnás asinaron onte a terceira doazón que Yolanda Josefina Rey, descendente dos Soutomaior, e o seu home Prometeo madarnás, veñen realizando dende o ano 2018.

Esta terceira remesa está composta por un conxunto de cobre plateado de té e café da época victoriana, fabricado en Inglaterra entre 1840 e 1910, composto polas respectivas xarras, leiteira, zucareiro e recipiente para a manteiga.

A totalidade das pezas foron labradas con motivos alusivos á cultura vinícola, ao igual que os elementos doados con anterioridade.

As pasadas remesas de bandexas, botelleiros, fontes, salseiras ou platos figuran expostas dende a súa chegada ao Museo nunha vitrina adquirida ex profeso para tal fin. Para esta terceira achega habilitouse unha segunda vitrina que acollerá os novos elementos da singular colección, xunto coas futuras doazóns xa prometidas pola familia. 

Lago mostrou o seu "enorme agradecemento" por esta terceira cesión que se realiza en propiedade e sen ningún tipo de contraprestación económica, coa única condición de que as pezas estean expostas ao público.