Manolo Paz: “A nosa historia está escrita na pedra”

Artista de referencia na comarca, Manolo Paz mudou o mar pola escultura ▶ Defínese como "creador e inventor"
photo_camera Manolo Paz para Vida Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
A miña historia
¿A miña vida? É unha maneira de naser e empesar a respirar. Todo ten un por que. Iso que respiras é do que te rodeas, o que lle vai dando forma e sentido ás cousas. Eu nasín nunha aldea. Falo desa cousa que non se ve pero que se pode contar, o arquivo da nosa memoria habitada por cousas que no se ven pero que son importantes, como a música que se oe. Cando falo do meu amigo invisible estou falando do aire que se respira en calquera parte do mundo na que esteas e que sempre te vai acompañar. 

Entón non todo empezou en Cambados?
Non. Eu tiven a sorte de naser nunha aldea (Quintáns) chea de vida, chea de personaxes, onde o tempo daba para todo. Estaba a xente maior, a xente do medio, que algunha ía traballar fóra, e logo estaban os rapases que queríamos ser grandes e faser cousas como a xente maior. Pasabamos ratos agradables e podíanse dicir moitas cousas e todo fluía. 

E os teu pais?
Miña nai ía coa máquina de coser ensima da cabesa, ía coser polas casas, a parte de tamén ter o seu sitio na casa para faser ela pesas de roupa. Meu pai era tratante de gando, feirante; cambiarlle de dono ao animal e ghañar diñeiro. Hai que saber para eso. 

E saíulles un fillo escultor.
Había unha cousa que meu pai non a entendía que era: a quen lle ía vender unha pedra? Cando collo as pedras e póñoas alí onde é agora a Fundasión (Fundación Manolo Paz, Cambados) que é un terreo que me deixou meu pai, despois fun comprando mais. Cando empesei a poñer as pedras, meu pai díxome: “Sácame esa pedra de aí que levo toda a vida sacando as pedras das fincas e agora ves ti a meterme pedras, sácame esto inmediatamente!”

En que quedou a cousa?
Non sei como o fun entretendo e despois xa lle dixen: “Papá, que non son pedras, que son esculturas.” E el díxome: “Nin esculturas, nin hostias, son pedras, sácasmas de aí!”

Entón non había sitio para a arte?
A nosa casa era unha casa de traballo. Porque nós tiñamos campo, íase ao marisqueo cando abrían a veda, despois tiñamos carnesería. Eu matando animais era un número un. Eu con 13 anos, un cocho de dousentos quilos eu sacáballe a pel. Quería ser torero tamén. Eu nos estudos digamos que non son bo. Son bo coas mans. 

Pero cansas de matar animais.
Si. E marchín ao Gran Sol, á pesca. Marchín con desasete. Valeume como experiensia para non volver porque o mar é outro planeta. Pero volvín porque o mar é, para a xente da costa, como a nai: faiche falta diñeiro e a maneira máis fásil de ghañar diñeiro é ir ao mar. Por eso non hai tanta carreira superior na costa. 

Pero ti estudas arte en Santiago.
Si, pero eso foi despois. Primeiro vou á mili e alí teño tempo libre e empeso a faserlle bustos aos mariñeiros, retratos. Era unha maneira fasil de saber se valías para a escultura ou non. Eso foi na mili en Marín. 

E descubres que vales?
Eu xa andaba antes coa navalla cando ía coas vacas e ía fasendo cousas. Cando os meus pais durmían a siesta eu fasía esas cousas ás aghachadas. Un día meu pai despertou antes de tempo e ve que estou aí dándolle e dime “síghelle dando. Estás fasendo santos? Que te vistan e que te calsen!” Aínda non foi tan mal.

E o comezo coa escultura?
Despois de sair da mili tiña que tomar unha desisión. Aí foi cando volvo outra ves ao mar, ao serco, na campaña do verán para ghañar un pouco de diñeiro e despois vou ao Mestre Mateo e alí estuven un ano. Ao ano seguinte xa fun dar clase a escola de canteiros. 

Unha das esculturas de Manolo Paz. DS
Unha das esculturas de Manolo Paz. DS

Gustouche ensinar?
Eu tuven que facerme un exame, eu mesmo, para ver que podía ensinar. E dixenme: “Manolo, se ensinas o que che ensinaron e che gustou e tamén ensinas o que che gustaría que te ensinaran e non cho ensinaron, eu creo que podes quedar coa túa consiensia un pouco tranquila.” E creamos un bo equipo daquela na escola de canteiros.

E logo falas contigo mesmo?
O meu gran amigo son eu mesmo! 

Que diferencia hai entre un canteiro e un escultor?
O canteiro ten as mans ocupadas. Colle as medidas e corta. O escultor é crear. Sairse desas medidas. E aportar algo que non estea feito ou que se adapte a un sitio. Despois tamén son as sircunstansias do escultor.

Cales son as túas circunstancias?
Eu quería traballar como os clásicos, eu quería traballar no bronse, no mármore como Miguel Angel, pero estamos no de sempre: non hai cartos. E como fas arte? Co que teñas ao lado. A cousa é darlle vida aos materiais. 

Así chegas á pedra?
Eu cheguín á pedra por ese motivo. E fixen algo importante: traballar o granito con partes pulidas e partes sen pulir e tamén deixando partes naturais. Eu quería aportar algo que non se fixera. O granito  ao prinsipio é moi desagradable pero compensa moi ben ao final porque unha ves que todo está traballado aguanta moito tempo.

Defíneste como creador?
O meu sempre foi crear. E inventor. As cousas están aí. Moitas veses pasamos polo lado delas e non as vemos. É como o aire que respiramos. Está aí e non se fala del.

Como traballas as pezas?
Para alghunhas fagho as maquetas incluso cunha pataca, como coas “rodajas”. Quería faser unha escultura que fora partisipativa que realmente a xente puidera entrar dentro dela, que fora habitable. O importante é a idea. Despois hai outras formas que xa están feitas e o que fagho é aproveitalas e estropealas o menos posible, intervir nelas para que teñan vida, abrir unha ventá para que pase o tempo. 

Por que tanto dolmen e tanto menhir? 
É o material que está aí o lado. Pero tamén non é fasil faser unha arte que teña identidade e que sexa internasional. O que estou fasendo digamos que é como o noso ADN. A nosa historia está escrita na pedra. Por eso o meu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes tituleino “A pedra e o home”. A pedra é o elemento da natureza máis duro, o máis perdurable. 

Seica hai un galerista fundamental na túa vida que é Fernando Vijande.
Vijande foi a clave de que eu saira de aquí. El foi quen trouxo a Andy Warhol a España, que non o trouxo o Ministerio de Cultura. Eu vou a Nova York no 83 e alí vexo un pouco como estaban funsionando as tendensias. Había moitas cousas tecnolóxicas pero tamén había quen fasía cousas con peles de coello e uns gharabullos, traballando coa cultura dos indios. Alí andaba Basquiat, Warhol fasendo grafiti, en Queens estaban os expresionistas e todo eso encheume moito e deulle de comer á vista. 

Que descubres?
Descubro que hai que defender a terra que é o futuro de todos. Por eso cando collo as pedras o que fagho é intervir con respeto á naturesa. E á volta de Nova York fago eses traballos e no 84 formo parte dunha exposisión en Santiago que se chama “Encontros no espasio” e aí están os artistas americanos que os trae Fernando Vijande, no Museo de Santo Domingo. E Vijande díxome: ‘Gústame o teu traballo” e eu díxenlle “Pois cómprao”. Gustáronlle os traballos e comprou como seis esculturas que expuxo nunha colectiva en Madrid e despois seguimos traballando ata que morreu. 

Como te ven fóra?
Aos americanos gústalle o meu traballo porque apórtalle algo que eles non teñen que é a historia da pedra. Eles teñen a historia do ferro. Despois tamén a miña obra ten boa acollida entre os alemáns e os ingleses. 

E aquí?
Aquí o que temos non o valoramos. Non nos damos conta do que temos.

Como é a xente do Salnés?
Unha xente simpatiquísima e traballadora, emprendedora, co tema do viño, co tema do mar. Eu non falo de arte con eles. Eles teñen o seu arte. 

Como es ti?
Son unha persoa que soña moito. Gústame soñar. Desperto tamén, pero se é durmindo mellor porque aí é cando a imaxinasión é totalmente libre e non a controlas. 

E cando diante dunha obra túa alguén pregunta: Para que sirve eso? Ti que lle dis?
Para a alma. 

A túa familia entende o teu traballo?
A miña muller, Julia, axúdame bastante; se non fose por ela non tería a Fundasión porque é un traballo que nesesita dedicasión. Ela é profesora e ao mesmo tempo axúdame a levar o papeleo porque eu son un desastre. 

Que che aporta a Fundación Manolo Paz?
Cando eu me planteín faser a Fundasión pensei: onde me vou meter? A xente vai pensar que o fago para presumir e eu o que quero é faselo para que a xente disfrute. Ademais case todos fan a sua fundasión despois de mortos, e seica é mellor disfrutar de vivos. 

TEST DE VIDA

Unha palabra?
Aí hai.
Un lugar?
Quintáns na desembocadura do río Umia. 
Unha persoa?
Moncha, miña nai.
Unha personaxe?
Lino Silva, o pintor de Cambados. 
Alguén imprescindible?
Julia, a miña muller.
Alguén importante?
O tempo.
Un obxecto? Unha cousa?
O aire. Cando o papa Ratzinger, Benedicto XVI, veu a Santiago encargáronme a crus para o palco. Era unha crus aberta para todo o mundo e para todas as formas de pensar e quen fasía a crus era o aire que se respiraba. 
Que é a vida?
A vida é un cacho de tempo. É un orgullo estar vivo e pasar por este mundo. O que pasa é que hai que deixar pegada de que pasamos por aquí e para eso está o arte, a siensia, eso é a vida, aportar algo.