José Ramón Abal (PODE): "Hai unha fuga de veciños e temos que reactivar o urbanismo"

O candidato repite á fronte do seu partido en Cambados con proxectos que versan sobre a rebaixa do IBI, restauración de beirarrúas e estradas ou reactivación da vivenda
José Ramón Abal, candidato de Pode Cambados. DS
photo_camera José Ramón Abal, candidato de Pode Cambados. DS

Que balance fai Cambados Pode do pasado mandato?
Un balance moi positivo. Traballamos intensamente e acadamos importantes logros.

Cales subliñaría?
En viticultura fixemos presión para que se ampliaran as cotas. Ningún partido votou a favor, pero foi aprobada en Vilanova, Ribadumia e Meaño. En colleitas excepcionais, como na de 2021, pasou de 12.000 quilos por hectárea a 13.500.

Como cualificaría a acción do Goberno local?
Tivemos un Goberno inestable. Non se puxeron de acordo os tres partidos de esquerda para gobernar, e decidimos apartarnos desa batalla fratricida para repartirse as áreas que xestionaramos nós no anterior mandato. Fixemos unha política útil e construtiva, chegando a acordos no Pleno.

Cales destaca?
Aprobáronse mocións para restablecer o servizo nocturno da Policía Local e se instalaran cámaras de seguridade nos accesos e no centro urbano. Propuxemos a rebaixa do IBI do 0,46 ao 0,40, que é o mínimo, e vai no noso programa porque foi rexeitada a moción.

Que outras propostas fan?
Unha é sobre as beirarrúas nas tres entradas, que están nun estado lamentábel. Non hai separación entre pluviais e fecais, e cando chove, a depuradora colapsa. Todos os partidos votaron a favor desa moción.

E en urbanismo?
Construír unha vivenda nova é unha misión case imposible. A reactivación é fundamental porque temos unha fuga de veciños a concellos como Ribadumia ou Vilanova.

Que expectativas se marcan?
Estamos lexitimados para pedir a confianza dos veciños, e estamos ilusionados en dar un gran salto cara a adiante.