O PSdeG urxe á Xunta a construir o tanque de tormentas da depuradora de Tragove

Julio Torrado responsabiliza á Xunta e ao Concello de Vilanova de constituír unha “fronte bloqueadora” para “taponar” o saneamento do Concello

Julio Torrado, actual viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista. DS
photo_camera Julio Torrado, actual viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista. DS

O parlamentario socialista Julio Torrado vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que inicie na maior brevidade posible a construción do tanque de tormentas para a rede de saneamento de Cambados. O responsable socialista alerta da “fronte bloqueadora” organizada entre a Xunta e o Concello de Vilanova para “taponar” a mellora do sistema de saneamento.

O parlamentario arousán sinala que mentres a Alcaldía de Cambados amosa unha “intención clara de resolver a situación” na busca de solucións ante as distintas administracións e emprazando ao Concello de Vilanova, tamén implicado, a colaborar na solución, o goberno galego intenta “partidizar un debate que precisa de acordos e de avances”.

Torrado urxe a mellorar a depuradora de Tragove, en Cambados, comezando pola construción do tanque de tormentas, que corresponde á Comunidade Autónoma, mentres “continuamos coa negociación e demanda” ante Costas para levar adiante a renovación do colector, a segunda actuación necesaria para completar a renovación da rede de saneamento.

En concreto, apunta a “buscar alternativas” que permitan mudar o proxecto de renovación do colector da depuradora para facelo compatible coa normativa estatal vixente, incluíndo no proxecto as “innovacións e avances tecnolóxicos necesarios para mellorar a separación de augas fecais e pluviais en Vilanova”. Explica que a depuradora de Tragove recolle augas residuais de Cambados e tamén de Vilanova, que as canaliza a través do colector que deriva na depuradora”.

O responsable socialista urxe a acadar medidas para mellorar a rede de saneamento, “fundamental” para o funcionamento das empresas vencelladas ao entorno, en particular aquelas do sector mar, industria que se asentan no entorno de Tragove e no transcurso do colector.