GDR Salnés-Ulla-Umia celebra a súa Xunta Directiva coa vista posta en 'Leader' 23-27

A reunión, a última hora da tarde deste venres, abordará acordos relativos ao novo periodo con respecto á última publicación no DOG
GDR Salnés. DS
photo_camera GDR Salnés. DS

O GDR Salnés-Ulla-Umia celebra a partir das 20.30 horas deste luns no edificio Exposalnés de Cambados unha Xunta Directiva coa perspectiva de comezar a poñer en marcha o deseño da Estratexia de Desenvolvemento Local para as comarcas que integran o organismo, e que será a base de traballo para a chegada de novos fondos do Programa Leader para o período 2023-2027. Ademais, está previsto que a sesión aborde os acordos relativos á publicación de 2 de xuño de 2022 no Diario oficial de Galicia para o novo período, así como facultar ao presidente a presentar a candidatura.

Tal e como explicaron dende a entidade, a Xunta dará tamén conta da integración de tres novas asociacións, lembrando ademais que O GDR Salnés-Ulla-Umia aglutina diferentes organismos de carácter público e privado dos 16 concellos que forman o seu territorio, e que traballa co principio de portas abertas dende a súa creación. Neste sentido, aseguraron, calquera asociación, entidade ou organismo pode asociarse ao GDR "co obxecto de impulsar e dinamizar o noso rural, tal como vén facendo neste periodo e nosanteriores". Para facelo, tan só é necesario presentar por rexistro a ficha socio e certificado de adhesión que se poden descargar na web ou contactando coa oficina, ou nos teléfonos 986 744 909 e 650 255 914, dispoñibles para a resolución de posibles dúbidas.

A maiores, durante a Xunta explicarase que, de cara a xaneiro do próximo 2023 resérvase a última convocatoria de axudas da que non se coñece aínda a contía global con cargo ao presente período 2014-2022.