Francisco Fernández Rei: "Se se salva Galicia, vaise salvar o idioma"

Este filólogo, escritor e profesor é un dos arquitectos do galego estándar que hoxe coñecemos. Sentamos a falar con el e abordamos a súa investigación sobre a figura de Ramón Cabanillas, escritor co que comparte lugar de nacemento, o proceso da elaboración da normativa vixente ou o futuro da lingua galega
Francisco Fernández Rei no Parador de Cambados. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Francisco Fernández Rei no Parador de Cambados. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Francisco Fernández Rei naceu en Fefiñáns, Cambados, igual que Ramón Cabanillas, escritor ao que lle adicou unha parte da súa extensa carreira investigadora. Ademais de publicar o libro Ramón Cabanillas, Cambados e o mar da Arousa no ano 2015, Fernández Rei é o autor de numerosos libros e ensaios acerca do galego e unha variedade de linguas minorizadas. Tamén, como corredactor do Atlas Lingüístico Galego e de Bases prá unificación das normas lingüísticas do galego, publicado en 1977, foi o principal delimitador dos bloques e áreas lingüísticas do galego moderno. Pódese dicir que a lingua estándar que hoxe coñecemos non sería a mesma se non fora por el.

Criouse en Cambados, de familia mariñeira... Que impacto que tivo o mar tanto na súa vida como na súa investigación?
Cando fun por aí adiante eu miraba ao mar sempre desde os ollos de Cambados. Crieime no mundo mariñeiro e a primeira investigación que fixen como universitario foi un estudo sobre a cultura mariñeira da vila de Cariño. Despois os traballos que fixen non tiñan que ver co mar, investigaba sobre cousas moi variadas como as linguas minorizadas. No ano 1997 elixíronme como académico numerario da RAG e quería facer o discurso sobre a cultura do mar, da que eu viña. Foi así como volvín ao mar, porque o que eu pretendía era case facer unha tese. Quería explicar por que había tan pouca cultura do mar na cultura galega e por que autores que se criaron ao pé do mar tiñan tan pouco deste.

Dentro da súa extensa investigación sobre Ramón Cabanillas no ano 2015 publicou o libro Ramón Cabanillas, Cambados e o mar da Arousa. Coida que está este autor infravalorado?
Non está infravalorado, pero é un autor que pasou de ser, no primeiro terzo do século XX, o máis importante a agora ser relativamente descoñecido para o público xeral, aínda que valorado para os que están metidos no mundo literario. No Desterro e Vento Mareiro supuxeron unha renovación na poesía galega, con Da Terra Asoballada converteuse no máis importante das Irmandades da Fala. El é o símbolo tamén da posguerra, porque abrazou causas galeguistas, por exemplo ao publicar o primeiro libro da Editorial Galaxia. 

A lingua estándar hoxe é como é en boa parte grazas a Cabanillas

Cales son os aspectos lingüísticos máis importantes da fala de Cabanillas?
Se a lingua estándar hoxe é como é, en boa parte é grazas ao modelo de lingua de xente como Cabanillas ou Castelao. Daquela non había unha norma. Unha persoa que le hoxe a Cabanillas identifícase con esa lingua. Por unha parte, el ten fenómenos propios do galego de Cambados, vese moi ben na morfoloxía. Nos primeiros libros utiliza o seseo e despois xa non aparece. Ten moitas escollas da tradición literaria que xa existían antes, nas súas obras do ano 1926 nótase un pulimento léxico.

O seseo e, aínda que Cabanillas non a usara, a gheada, tiveron durante moitos anos unha mala imaxe de forma inxustificada. Mellorou está concepción?
A gheada e o seseo son os dous fenómenos dialectais máis importantes. Hai xente hoxe que utiliza a gheada e o seseo moi conscientemente, como un símbolo de identidade. Foi unha bendición que no seu día Antón Reixa cando fixo Mareas Vivas os utilizara, porque foi a primeira vez que entraron nas casas nas que non se falaba así. Son marcardores sociolingüísticos, que os utilices ou non ten unhas connotacións.

Francisco Fernández Rei no Parador de Cambados. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Francisco Fernández Rei no Parador de Cambados. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Antes de investigar a Cabanillas, un dos seus primeiros traballos, entre 1974 e 1976, foi ir por Galicia cun Seat 600 para crear o primeiro Atlas Lingüístico Galego a cargo do Instituto da Lingua Galega. Como foi ese proceso?
Había a necesidade de facer un Atlas do galego e iso non é fácil. O cuestionario que fixemos tiña non menos de 4.000 preguntas. Para facer o traballo de campo era un momento político complicado, ao principio aínda estaba Franco e o galego aínda non estaba en nada. A primeira enquisa que fixemos foi no lugar de Trabada, en Lugo e andamos por toda Galicia e partes de Asturias e Castela e León, pasando tres ou catro días en cada sitio. Cada enquisa foi un mundo, non era o mesmo facelo en inverno que verán, facelo na costa ou no interior.

Que papel tivo ese traballo na normativa vixente da lingua?
Cando fixemos a normativa, tivemos en conta este material, entre outras cousas. Sabiamos como se falaba en cada zona. Colliamos, das formas que son inequivocamente galegas, a que era máis extendinda, ou, ás veces, a que tiña máis tradición literaria.  Tiñamos unha idea do que era o galego vivo porque o vimos, e por outra parte tamén sabíamos como era a lingua literaria.

Estase actualmente experimentando unha perda de determinados trazos dialectais?
A xente nova, por influxo da escola ou dos medios, utiliza formas que non son as da súa zona, ou incluso hai persoas que na súa fala están convivindo as dúas formas, a dos pais ou avós e a estándar. Pero incluso antes de que houbese por exemplo, a televisión, xa había trazos dialectais que estaban desaparecendo, porque hai procesos analóxicos que fan que unha forma traia ás outras. Hai dialectalismos que seguramente se irán perdendo a medida que a xente aprenda o galego estándar, pero tamén haberá xente que aprenda ese galego estándar e logo vaia vivir nalgún sitio e bote man dos fenómenos propios da zona. Temos unha cantidade inmensa de trazos, pero ao mesmo tempo temos unha gran unidade do idioma. O galego estándar é de todos e de ningunha parte.

A lingua é un ser vivo que vai evolucionando...
Claro, e algúns poidémolo ver aínda máis porque tivemos a sorte de ver moito deste proceso e poder contalo. Nada é eterno, hai cousas que triunfan e outras que non, pero a nivel léxico temos unha riqueza tremenda.

Galicia é como é por moitas cousas, pero se algo nos define é a lingua

O futuro do uso da lingua galega é tan dramático como se di?
Non se trata de dar unha visión catastrofista, pero hai moitos cartos polo medio e os resultados non son os que tiñan que ser. Tratase de que teñamos orgullo polo noso, orgullo da nosa identidade. Iso ten implícito defensa do idioma, mesmo os que son castelán falantes, que vexan que o idioma tamén é deles. É unha loita global, unha defensa dos produtos nosos, das paisaxes, defensa do noso en todos os sentidos. Se se salva Galicia, vaise salvar o idioma. E sen o galego, que vai ser Galicia? Galicia é como é por moitas cousas, pero se algo nos define é a lingua.