O Concello sae a desmentir os supostos pinchazos e pide "tranquilidade e cordura"

O alcalde do municipio, Samuel Lago, expresou ao respecto que non recibiron "ningunha denuncia por estos supostos feitos"
Concierto Tanxugueiras Plaza de Fefiñans Festa do Albariño de Cambados 9. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Imaxe do público asistente ao concerto de Tanxugueiras o día anterior. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O primeiro dos concertos da Festa do Albariño logo da inauguración das casetas de D.O estivo marcado por un bulo que xurdiu nas redes sociais sobre pinchazos durante a actuación de Beny Jr e Morad na praza de Fefiñáns. O alcalde de Cambados, Samuel Lago, saíu a tranquilizar á cidadanía esta mañá cun comunicado no que desmentía os feitos "Dende o Concello queremos desmentir taxantemente o bulo que circulou onte pola noite sobre os pinchazos de sumisión química no concerto de Morad. Foi un concerto seguro, houbo un amplo dispositivo de seguridade, coa participación da Guardia Civil, tanto uniformados como de paisanos durante o concerto; da Policía Local de Cambados; dos Servizos de Emerxencias e tamén da seguridade privada por parte do concerto".

O rexedor confirmou outro tipo de incidencias, como "algunhas lipotímias ou síncopes" entre o público, en "homes e mulleres, principalmente persoas moi xóvenes", derivados da "calor, dos nervios e das horas sen comer". Asegurou ademais que, de xeito paralelo, producíronse intervencións por "crise de ansiedade, máis incluso que por síncopes, que foron causadas por ese bulo que empezou a circular polas redes de que se estaban a producir princhazos en Cambados".

"Tanto eu como o tenente alcalde, Tino Cordal, estivemos ao tanto das persoas alí atendidas in situ, na zona de emerxencias habilitada anexa ao concerto, e non houbo nin unha soa das persoas atendidas que amosara ningún tipo de indicio de ese pinchazo nin síntomas da sumisión química", confirmou Lago, que informou sobre unha persoa que foi trasladada ao hospital do Salnés, pero que este xoves pola mañá confirmouse que "non había indicios de que fora drogada".

O alcalde quixo "chamar á tranquilidade", xa que "nin na Guardia Civil nin na Policía Local hay ningunha denuncia por eses supostos pinchazos e que non temos ningún indicio de que se produciran tales sucesos".

De novo quixo facer un chamamento ás persoas que, "non sei se intencionadamento ou sen querer, se adican a difundir este tipo de bulos, que o que están a facer é causando unha alarma social e unha desinformación que dende logo non facilita nada o bo desenvolvemento de estes eventos".  Rematou o seu comunicado incidindo en pedir "tranquilidade e cordura á xente".