O Concello recupera os cursos de lingua de signos

A formación comezará o vindeiro sábado 5 de novembro e será de carácter eminentemente práctico
Muller comunicándose mediante a lingua de signos. PEXELS
photo_camera Muller comunicándose mediante a lingua de signos. PEXELS

O vindeiro sábado 5 de novembro, o salón de actos da Casa da Calzada (ExpoSalnés) do Concello de Cambados acollerá o reinicio dos cursos de lingua de signos que se celebraban xa antes da pandemia e que tiñan unha elevada demanda. As clases correrán a cargo da mestra Miriam Aller, da empresa Entresignos, que vén impartindo esta formación dende o ano 2018.

A formación desenvolverase en grupos, organizados en función do nivel do alumnado, con sesións dunha hora e media de duración, ao longo das tardes dos sábados. O curso ten un custo de 10 euros ao mes para as persoas empadroadas en Cambados e de 25 euros para as persoas de fóra do municipio cambadés. A duración desta actividade formativa é de 8 meses, ata o mes de xuño de 2023.

O Concello de Cambados, a través das concellarías de Cultura, Sanidade e de Servizos Sociais, dirixidas por Tino Cordal e Fernando Patricio, respectivamente, segue a amosar o seu compromiso coas persoas xordas, sendo unha das institucións que facilitan a aprendizaxe de lingua de signos. Ademais dos signos propiamente ditos, os asistentes terán a oportunidade de coñecer aspectos da cultura das persoas xordas, que existe como tal, e as estratexias que se poden usar para favorecer a comunicación con este colectivo. O curso, que comezará o sábado 5 de novembro, será de carácter eminentemente práctico.

Para inscribirse no curso de lingua de signos, as persoas interesadas deben enviar un correo electrónico a: [email protected] ou un whatsapp ao seguinte número: 690 679675. O número de prazas é limitado, ata un máximo de 40.