Comezan os traballos de restauración dos xacementos de San Sadurniño

A Deputación e o INCIPIT-CSIC realizan esta labor para difundir, protexer e fomentar o valor dos bens de patrimonio cultural da provincia
Illa de San Sadurniño en Cambados. DS
photo_camera Illa de San Sadurniño en Cambados. DS

Novo paso no convenio entre a Deputación e o INCIPIT-CSIC para difundir, protexer e fomentar o valor dos bens de patrimonio cultural da provincia. Tras rematar a primeira acción contemplada no acordo, cunha serie de charlas e conferencias en centros de ensino público, estes días veñen de comezar os traballos de campo para intervir en tres dos oito xacementos incluídos no convenio.

No que respecta ao Salnés, na Illa de San Sadurniño, en Cambados, os traballos comezaron esta pasada semana e consisten en mapear parte das estruturas soterradas e datar a secuencia de ocupación da illa, o que implica estudar a totalidade do illote na busca de restos de elementos relacionados coa torre e un modelado 3D. En concreto, realizarase un levantamento topográfico de precisión con fotogrametría aérea con dron, prospección con detección remota, prospección xeofísica con gradiómetro, unha datación radiocarbónica de elementos recuperados en intervencións anteriores para afinar a cronoloxía do xacemento e obter máis información sobre a súa ocupación, e unha avaliación da potencialidade dos rexistros paleoambientais para estudar a liña de costa e o seu retroceso progresivo.

O coñecemento da historia da illa, e as resultas das sondaxes arqueolóxicas levadas a cabo recentemente, indican a presenza de estruturas correspondentes a varios momentos (a cronoloxía completa non está clara). A dúbida é a existencia dunha ocupación previa ao século XV, momento no que existe constancia documental do complexo e a torre cuxos restos son hoxe visibles.

No marco do convenio entre a Deputación e o INCIPIT-CSIC, entre 2023 e 2024 tamén se intervirá no xacemento, Castro Alobre, en Vilagarcía.