Comezan as obras do novo cuartel da Garda Civil de Cambados

O alcalde, Samuel Lago, recibiu aos responsables de SIEPSE e da empresa adxudicataria trala sinatura da acta de replanteo

Coche de la Guardia Civil de Sanxenxo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Coche de la Guardia Civil. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

As obras do cuartel da Garda Civil de Cambados póñense en marcha. O responsable do organismo estatal SIEPSE, Juan Carlos Jimeno, o director de obra, Juan Antonio Iglesias, e un representante da empresa adxudicataria, Edhinor, foron recibidos este martes no Concello de Cambados polo alcalde, Samuel Lago. O rexedor expresou a súa satisfacción "polo inicio dunha actuación moi agardada, que suporá un importante investimento para Cambados e o incremento da presencia da Garda Civil na vila".

Segundo a previsión, realizarase durante o verán o proceso de excavacións e cimentacións. No inverno, con esta fase rematada, serán executados os traballos tendo únicamente cortes puntuais do tráfico rodado. Os traballos teñen un prazo de execución de 15 meses, de xeito que, de non sufrir alteracións, quedarán rematados en outubro de 2023. Mentres se realizan as obras, o servizo da Garda Civil foi trasladado ao centro sociocultural de A Merced, cedido polo Concello.

As obras foron adxudicadas pola sociedade estatal Siepse á empresa Edhinor por un importe de pouco máis de 6,5 millóns de euros, o que supón unha rebaixa de en torno a 670.000 euros respecto ao orzamento de licitación.

As novas dependencias responden a unha histórica demanda de Cambados, ante o estado deficiente das antigas instalacións. No ano 2018 o Goberno local, dirixido naquel momento por Fátima Abal, conseguía finalmente o compromiso do Ministerio de Interior para derribar o anterior inmoble, que presentaba graves problemas estructurais.

As obras de demolición dos antigos edificios situados na Rúa Valle Inclán quedaron rematadas en febreiro do ano pasado. A mesma parcela acollerá o novo cuartel, que estará distribuído en dous módulos. O primeiro estará destinado á atención cidadá, xunto con oficinas de intervención de armas e cinco calabozos, ademáis de zonas de traballo nas outras dúas plantas superiores. No segundo módulo estarán ubicadas 16 vivendas e disporá de aparcamento subterráneo. Ten capacidade para 110 axentes e inicialmente serán 60 os que conformen a primeira dotación, 20 máis que actualmente. Cambados asumirá o mando da Capitanía do Salnés, que ata agora estaba en Vilagarcía.