A réplica do Cinemóbil de José Gil chega a Cambados

A vila será a terceira parada para a recuperación da memoria do cineasta, gran pioneiro do cinema galego
Imaxe do Cinemóbil 3 de José Gil. DS
photo_camera Imaxe do Cinemóbil 3 de José Gil. DS

A derradeira pegada do percorrido vital do director, produtor, realizador e fotógrado José Gil (Rubiós, 1870-Vigo, 1937), precursor e figura senlleira do cinema en Galicia no tempo no que a sétima arte estaba nacendo en todo o mundo, leva o selo dun cambadés ilustre: o escultor Francisco Asorey, autor da obra de arte que acolle as cinzas de Gil e a súa familia no cemiterio municipal de Pereiró, en Vigo.

E á vila de Asorey chega agora a memoria do cineasta, preto de 100 anos despois da súa morte, a través dunha serie de accións e actividades que se desenvolverán esta próxima fin de semana, o venres 10 e sábado 11 de marzo, actividades que buscan dar a coñecer ao cineasta e colocalo no lugar que lle pertence por dereito propio, como gran fundador do cinema galego.

Comezará coa chegada á vila de Cambados do Cinemóbil 3, camión de época que emula ao Cinemóbil Nº 2 que visitou a vila cambadesa o 1 de novembro de 1929 proxectando filmes de José Gil ao carón do mar arousán.

Completaremos no municipio do Salnés un programa que inclúe visitas ao Cinemóbil 3, tanto para a comunidade educativa da vila como para veciños e veciñas, proxeccións, encontros, presentación do libro Nos días encantados de agosto (Manolo González, Ed. Galaxia), coloquios, e concerto da Banda de Música de Castrelo nunha Sesión Vermú que rememorará a importancia da música na andaina vital e profesional de José Gil.