O Ciclo Mestre Mateo achega a Cambados 'Jacinto', a última proxeción do ano

A sesión terá lugar mañá, sábado 3 de decembro, ás 20.00 horas no Auditorio Municipal da Xuventude
Película Jacinto. DS
photo_camera Un frame de la película. DS

O Ciclo Mestre Mateo, que promoven conxuntamente a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra, celebrará os sábados 3 e 17 de decembro as proxeccións da súa última sesión, coa presentación nos concellos de Cambados, Ponteareas, Redondela, Poio e Forcarei da película Jacinto, con 11 candidaturas nos XX Premios Mestre Mateo: mellor longametraxe, mellor dirección, mellor dirección de arte, mellor guión, mellor interpretación masculina de reparto, mellor interpretación masculina protagonista, mellor maquillaxe e perruqueira, mellor montaxe, mellor música orixinal e mellor vestiario.

A proxección terá lugar mañá sábado na Sala Multiusos do Auditorio Municipal de Ponteareas; ás 19.30 horas no Multiusos da Xunqueira de Redondela; ás 20.00 horas no Auditorio Municipal da Xuventude de Cambados e ás 21.00 horas no Centro Cultural Xaime Illa Couto de Poio. Por outra banda, será o 17 de decembro ás 18.00 horas cando a longametraxe chegue ao Multiusos en Soutelo de Montes de Forcarei.

Jacinto, escrita e dirixida por Javi Camino, conta a historia de Jacinto un adulto con mentalidade de neno. Vive en Mallou, unha sombría aldea abandonada entre as montañas cos seus pais e o seu porco Martiño. A morte da súa mascota e a chegada de dúas novas veciñas estranxeiras porá o seu mundo patas arriba. Jacinto sospeita que as recen chegadas son vampiresas que planean rematar coa súa familia para controlar a aldea. Para impedilo, porá en práctica todo o aprendido vendo películas de terror.  

O ciclo Mestre Mateo chega así ao seu final, da man da Deputación e da Academia do Audiovisual, despois de dotar ós concellos da provincia dunha programación estable de cinema en galego, exhibindo as películas premiadas e finalistas dos premios deste ano. Amais de Jacinto xa se proxectaron outras películas coma Tres, galardoada como mellor longametraxe, e outras finalistas como Malencolía, A virxe roxa, Cuñados ou A poeta analfabeta.