A campaña 'Gústanos Cambados Limpo' chega ao colexio de San Tomé

O alcalde puido compartir co alumnado do centro a importancia da reciclaxe e o aforro enerxético
O alcalde Samuel Lago visita o colexio San Tomé de Cambados. CEDIDA
photo_camera O alcalde durante a súa visita ao colexio San Tomé. CEDIDA

O colexio San Tomé acolleu na mañá deste xoves a segunda actividade escolar enmarcada na campaña de concienciación medioambiental Gústanos Cambados Limpo que o Concello de Cambados está a realizar a través da Mancomunidade do Salnés, en colaboración coa empresa Valoriza, adxudicataria do servizo de recollida de lixo.

O alcalde Samuel Lago, que estivo presente na iniciativa, comentou co alumnado a importancia da reciclaxe para evitar ao máximo as aportacións de resíduos a Sogama e conseguir que o aforro económico se poida invertir noutros recursos para a poboación de Cambados.

Ao igual que na primeira actividade celebrada no colexio de Vilariño hai unhas semanas, nesta ocasión os e as escolares compartiron unha charla teórica sobre a reciclaxe e posteriormente puxeron en práctica os seus coñecementos depositando os resíduos preparados polos organizadores nos contedores adecuados.

Como parte final, puideron comprobar in situ o funcionamento dun dos camións da recollida de lixo a través das explicacións do seu operario.

Neste sentido, a iniciativa pretende por en valor o traballo dos "imprescindibles", é dicir, a importancia das tarefas que realizan diariamente os operarios dos servizos de limpeza, tanto municipais como da concesionaria.

As actividades escolares desta campaña continuarán en próximos días nos colexios de Castrelo e Corvillón.

A maiores, o Concello realiza este venres unha nova acción enmarcada nesta iniciativa medioambiental, centrada desta volta na compostaxe comunitaria baixo a denominación de Compostaxe en Plaza.

O Centro de Compostaxe Comunitaria (CCC) de San Roque -Os Olmos acollerá, ás 18 horas, unha charla veciñal na que o alcalde explicará á veciñanza os beneficios da compostaxe, aportando datos das toneladas de bioresíduos tratadas a través deste método no último ano. Como parte da actividade, distribuirase un contedor marrón entre cada unha das persoas asistentes.