Cambados revalida as tres Flores de Honra no certame de 'Vilas en Flor'

Vilagarcía tamén foi distinguido no acto celebrado en Caldas de Reis con dúas distincións
O alcalde Samuel Lago recibe o recoñecemento de 'Vilas en Flor'. CONCELLO
photo_camera O alcalde Samuel Lago recibe o recoñecemento de 'Vilas en Flor'. CONCELLO

O Concello de Cambados conseguiu de novo o recoñecemento do programa Vilas en Flor, unha iniciativa promovida pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar) que procura a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos de menos de 50.000 habitantes.

Nesta cuarta edición, a vila foi galardoada con tres frores de honra, revalidando así os méritos obtidos o pasado ano. O alcalde Samuel Lago foi o encargado de recoller o premio esta maña nun acto celebrado en Caldas de Reis.

O xurado do certame, formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo, valorou o esforzo e o traballo realizado no último ano polo goberno local na melllora do espazo urbano e nas contornas de valor ambiental e paisaxístico.

Para o alcalde Samuel Lago é "unha gran satisfacción revalidar estas tres Frores de Honra do certame Vilas en Flor coas que damos un paso mais na mellora dos nosos espazos verdes urbanos e naturais a través dunha xestión sostible, fomentando, ao tempo a educación e concienciación ambiental da cidadanía”.

Vilagarcía repite por segundo ano consecutivo

O municipio de Vilagarcía tamén foi galardonado nesta edición do certame, no que participa por segundo ano consecutivo, e neste caso foron dúas as Flores de Honra recibidas. En representación do Goberno local acudiron ao acto de entrega o concelleiro de Medio Ambiente, Diego García, e o edil de Obras e Servizos, Lino Mouriño.

Entre as actuacións valoradas en Vilagarcía destacan tanto o coidado e mantemento habitual das zonas verdes e espazos públicos, coas diferentes campañas de decoración floral que se levan a cabo en primavera, Nadal e verán, como eventos concretos e multidisciplinares nos que a ambientación paisaxística teñen un peso relevante, como por exemplo os xardíns efémeros que ambientan o Nadal, a decoración floral de rúas que se desenvolveu durante o certame EspaVila! ou a Semana da Mobilidade, por poñer só uns exemplos.