Cambados pon o foco na figura de Conde Corbal na ría de Arousa

O Pazo de Torrado inaugura unha mostra que recolle a vinculación do artista coa comarca
Exposición “O Corbal No Mar de Arousa“ no Pazo Torrado de Cambados_JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Exposición “O Corbal No Mar de Arousa“ no Pazo Torrado de Cambados_JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Co gallo do seu centenario, a Sala de Exposicións Espazo Torrado de Cambados vén de inaugurar a exposición antolóxica da obra gráfica do pintor Xosé Conde Corbal, 'O Corbal no mar de Arousa'.

Xosé Conde Corbal, un dos mellores artistas plásticos galegos do século XX, viviu máis dunha década na ría de Arousa, e o seu fructífero traballo abrangue dende o mar, as súas xentes e as súas artes, aos seus escritores, a obra de Valle-Inclán, a fauna e a flora, as vivenzas históricas, así como o patrimonio arousán e o erotismo, entre outros motivos.

O artista pontevedrés fará do gravado o seu leitmotiv como símbolo de democratización da arte, cunha intención próxima á pedagoxía popular, poñendo en marcha unha técnica propia que traerá consigo o abaratamento dos custos de producción, conseguindo así un propósito seu, o de facer accesible a arte.

A sala de Exposicións de Cambados fará un minucioso percorrido pola dilatada obra do artista no seu paso pola ría de Arousa, que suporá unha viaxe enriquecedora que evidencia o sentido da súa obra como testemuña da sociedade, as costumes e o patrimonio artístico e cultural de Galicia e, neste caso concreto, da ría de Arousa. 

A exposición permanecerá aberta ata o próximo 18 de Xuño.