Cambados bailará a ritmo de batuca o 25 de xuño

O Concello en colaboración coa Deputación de Pontevedra e o taller-escola de batucada de Cambados presentou a II Edición do Fest Xacobeo Percute
Presentación II Edición Fest Xacobeo Percute en Cambados. DP
photo_camera Presentación II Edición Fest Xacobeo Percute en Cambados. DP

As rúas de Cambados encheranse de ritmos de batucada o vindeiro día 25 por mor da segunda edición do Fest Xacobeo Percute. O evento foi presentado nun acto no que participaron Victoria Alonso, deputada de Cultura de Pontevedra, Enrique Barreiro, representante do taller-escola de batucada de Cambados, Samuel Lago, alcalde do Concello e Tino Cordal, concelleiro de Cultura de Cambados. O festival conta con varias actividades entre as que se encontran un obradoiro impartido polo mestre Adrián de la Iglesia, un sambódromo, e seis concertos que se corresponderán con catro batucadas e dous grupos de percusión. Os grupos que tomarán parte no evento serán os seguintes: PercuCar, Axé Bahía, Trío PercuTú, Os Queimatasas, Olodum do Coio e Alicante Grup de Percussió.

Segundo indicou a organización, este festival non é so un punto de encontro para grupos de música , senón que pretende dar oportunidade a un novo patrimonio musical galego. A cita pretende consolidar en toda Galicia unha proposta innovadora, única e orixinal, o estilo musical , o batuque galego. Por iso contará co compositor Adrián Saavedra, que soubo conxugar a tradición galega coa Afro-Baiana. Como guinda do pastel o festival contará coa participación de Enrique Barreiro, que xunto ao Alicante Grup de Percussió presentará ao vivo esta proposta musical que profesionaliza o sector. 

Enrique Barreiro, representante do taller de batucada municipal, quixo mostrar a "inmensa alegría que supón para todos os compoñentes da batucada Olodum do Coio". Victoria Alonso explicou que o obxectivo da Deputación con este tipo de actividades é o de "apostar pola potencialidade cultural do territorio e intentar que despunten". O alcalde de Cambados tamén quixo agradecer aos organizadores que "traerán de novo a alegría á vila", e espera mellorar a edición do ano pasado. Pechou o acto Tino Cordal explicando a folla de ruta a seguir o vindeiro sábado 25. Abrirá o festival pola mañá o obradoiro celebrado no Salón de Congresos e Exposicións José Peña. Xa en horario de tarde, a partir das 17.00 horas, terá lugar o pasarrúas que percorrerá dende a Rúa Hospital ata o final do traxecto na Praza de Fefiñáns, que acollerá os concertos que terán unha duración aproximada de dúas horas.