O BNG de Cambados sinala que houbo un falseamento das contas da Festa do Albariño

Engaden que a débeda medra cada vez máis e que será o Goberno saínte das vindeiras eleccións "quen teña que asumir as consecuencias desta xestión irregular"

Serenísimo Capítulo do Albariño 2. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Serenísimo Capítulo do Albariño 2. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O BNG de Cambados acusou ao Goberno municipal de non publicar a información sobre o custo e ingreso rexistrados na Festa do Albariño do pasado verán. Dende o grupo da oposición solicitaron coñecer esa información e que fora publicada no Portal de Transparencia, "para que calquera veciño de Cambados puidera acceder a ela". Aseguran que tardaron case un mes en
responder, e que o BNG dará cumprida conta da súa postura.

"O primeiro que nos chamou a atención é que o listado non inclúe ningunha partida para abonar as liquidacións da Sociedad General de Autores e Editores (SGAE). Por lei, o Concello debe faciltar unha relación de eventos e taquilla a esa institución, a fin de que efectúe as liquidacións pertinentes. Omitir ou retrasar esas liquidacións é unha práctica habitual en gobernos escasamente transparentes, que dese modo enganan á veciñanza finxindo que o custo dos concertos que organiza é inferior ao real. Pero a débeda segue aí, e quen veña detrás terá que pagala", sinalan.

Afirman que no anterior mandato, no que o BNG asumía a Concellería de Cultura, regularizou a débeda crónica que o Concello de Cambados tiña coa SGAE. "Dese modo, calquera veciño de Cambados podía saber o importe real dos concertos en cada exercicio. Desde que outro partido político asumeu ese departamento, volveu á práctica do Partido Popular, ata o punto de que, segundo puidemos averiguar, nin sequera está remitindo o listado de actuacións".

Rematan afirmando que "a débeda medra dese modo como unha bola de neve, e será o Goberno saínte das vindeiras eleccións quen teña que asumir as consecuencias desta xestión irregular"