O Premio Cambados Mar de Letras galardoa ás mellores pezas de poesía e relato curto

A entrega de premios terá lugar o 9 de novembro, no salón de actos do IES Asorey, e contará coa presenza das persoas galardoadas e o concelleiro de Cultura e tenente alcalde, Tino Cordal
Estatua de Ramón Cabanillas en Cambados. DS
photo_camera Estatua do poeta Ramón Cabanillas en Cambados. DS

Un ano máis, o Concello de Cambados e o IES Francisco Asorey, afincado no municipio, convocaron conxuntamente unha nova edición do Premio Cambados Mar de Letras. O obxectivo do certame é a promoción da Lingua e a Cultura Galegas, incluíndose esta cita na programación do Día de Cabanillas en Cambados 2022.

O xurado desta quinta edición, composto por Susana Otero, licenciada en filoloxía e profesora; Sandra Rivas, licenciada en filoloxía e Coordinadora do Equipo de Dinamización da Lingua Galega no IES Francisco Asorey; Juan Ramón Pazos, licenciado en filoloxía e Vicedirector do centro educativo; e Domingo Tabuyo, escritor e mestre; reuníuse onte para decidir, por unanimidade, as obras premiadas.

 

Dende a organización do certame quixeron tamén agradecer a todas as persoas participantes que, dende diversos puntos de Galicia, achegaron as súas pezas de relato curto e poesía por manter a "ilusión e a esperanza nun presente e nun mellor futuro para a nosa Cultura".

A gala de entrega de premios terá lugar mañá, 9 de novembro, no Salón de Actos do IES Francisco Asorey, a partir das 12.45 horas. Nesta cita estarán presentes os autores e as autoras galardoadas, ademais do concelleiro de Cultura e 1º Tte Alcalde do Concello de Cambados, Tino Cordal.

GALARDÓNS
1º Premio na categoría de poesía:  “Errar e non poder levantar”, de Iago Álvarez Cabodevila, estudante do IES Johan Carballeira, de Bueu.
2º Premio na categoría de poesía: “Bicos ó mar”, de Lucía Cordeiro, estudante do IES Valle Inclán, de Pontevedra.
1º Premio na categoría de relato curto: “Querido papá”, de Raquel Martínez Badea, estudante do IES Johan Carballeira, de Bueu.
2º Premio na categoría de relato curto: “Palabrería”, de Rosa Quintela de Carlos, estudante do IES Antonio Fraguas, de Santiago de Compostela.